A terceira edición do programa «Xuventude no mundo» oferta 140 prazas para que a mocidade galega visite 12 países diferentes

Canal Voz

CULTURA

09 feb 2011 . Actualizado a las 15:03 h.

  • Os participantes nesta edición realizarán intercambios cos seguintes países: Arxentina, Xapón, Rusia, Armenia, Chile, Colombia, Moldova, República Checa, Hungría, Italia, Francia e Portugal

  • Os intercambios, que durarán unha media dunha semana, terán un prezo que variará entre os 250 euros e os 1.000 euros

  • O prazo do inscrición para os primeiros intercambios comeza mañá

A terceira edición do programa ?Xuventude no mundo? oferta un total de 140 prazas para que a mocidade galega realice intercambios culturais cun total de 12 países diferentes. O programa vai dirixido aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pon á disposición dos mozos e mozas galegas un total de 14 destinos diferentes para esta terceira convocatoria: Rímini (Italia); Holloko (Hungría); Cartaxena (Colombia); Noyant (Francia); Ceska Trebova (República Checa); Santa Cruz (Chile); Brolo (Italia); Figueira da Foz (Portugal); Chisinau (Moldova); Yaroslav (Rusia); Wakayama (Xapón); Vezprem (Hungría); Iguaçu (Arxentina) e Yeveran (Armenia).

Os intercambios, que terán unha duración media dunha semana, realizáranse entre o 21 de febreiro e o 21 de setembro. En concreto, o primeiro en realizarse será o de Rímini, polo que o seu prazo de inscrición abrirase mañá.

A partir de mañá tamén se poderán inscribir os interesados en participar nos intercambios de Holloko e Noyant. O resto de destinos irán abrindo o seu prazo de inscrición en datas posteriores, que xa se poden consultar na páxina web www.xuventude.net, onde os interesados tamén poderán informarse dos trámites precisos para anotarse nesta iniciativa.

As temáticas dos intercambios varían segundo o destino, pero a maioría deles baséanse no coñecemento da cultura e no respecto ás distintas tradicións. Con todo, tamén se abordarán outros temas como a loita contra a exclusión social, a globalización, a preservación da selva ou a globalización.

O custe das prazas varía entre os 250 euros e os 1.000 euros, e terán desconto aquelas persoas que conten co carné xove. Todas as prazas adxudicaranse por orde de inscrición, que se fará mediante o correo electrónico a través do apartado programas europeos da web de Xuventude.

O obxectivo deste programa é que os mozos e mozas galegos obteñan experiencias de educación non formal no estranxeiro, amplíen o seu coñecemento idiomático, ao tempo que incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade.

No ano pasado, foron 200 os mozos e mozas que participaron neste programa, dentro do que se visitaron 18 destinos diferentes durante as dúas edicións que se convocaron en 2010.