«Hai que escribir só o xusto e necesario»

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O autor novela un feito real dos anos cincuenta en Galicia

28 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Pereira Valcárcel encontrouse cunha historia real e decidiu reconstruíla dende a ficción sen faltar ao espírito que a motivou. Malas cartas (Biblos) é o título dunha novela concisa e detallada sobre un suceso e unha época que aínda non foi moi novelada.

-¿Como deu coa historia que protagoniza a novela?

-Máis ben foi a historia a que deu comigo. Cando a escoitei estaba algo influída pola lenda, pero pensei que tiña que contar esa historia porque coñecín á persoa que a protagonizou e pensei que había que contala coas ferramentas da ficción, cambiando os nomes, introducindo algún personaxe novo pero seguindo a realidade, porque a historia me serviu para contar cousas que me preocupan, como quen ten o poder de xeito executivo, cal é o poder das influencias.

-A historia transcorre nos anos cincuenta e hai moitos detalles de ambientación na novela.

-Iso foi o que máis tempo me levou na preparación do libro. De partida pensamos que os anos cincuenta están ao lado, pero dende o punto de vista do que conservamos deles non hai tantas cousas. Naquela altura case todo o mundo tiña radio, o 90% desapareceu.

-¿E a paisaxe social?

-Fixen un seguimento da época a través dos xornais daquel tempo, de documentais e de libros, no que me fun fixando tanto nas noticias como na publicidade, no vestiario e no que marcaba os costumes da época.

-¿Por que a concisión de «Malas cartas»?

-Eu prefiro escribir o imprescindible para que a historia se entenda mellor. Escribín moito máis, pero logo decateime de que quizais escribir máis complicaba un pouco os feitos ou a historia quedaba algo oculta entre outras cousas. Quitei quince ou vinte folios ata deixala no esencial, no que me parece que en realidade hai que contar, no que fan os personaxes e no que verdadeiramente marca a historia. Eu creo que hai que escribir só o xusto e necesario.

manuel pereira valcárcel escritor