Imaxes da súa vida, lembranzas dos que o trataron e poemas dedicados de Isla Couto e Rosa Aneiros

La Voz

CULTURA

15 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Na concorrida cerimonia, Del Riego reviviu en formato dixital, xa que se proxectou un vídeo con imaxes da súa vida, resumida en cinco minutos, desde o berce ata o día que soprou as velas dos 40 anos de Grial axudado por Isla Couto.

Destacados protagonistas da vida cultural galega participaron na cita para lembrar a figura do estimado don Paco. Entre eles, falando dos amplos aspectos que cubriu a longa traxectoria intelectual do escritor, tomaron a palabra Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG; Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores; Xosé Luís Franco Grande, académico (en representación dos primeiros seareiros da biblioteca Penzol), Malores Villanueva, filóloga (en representación das novas promocións de investigadores); Marián Vidal, directora técnica da Biblioteca e Arquivo Penzol, que durante anos traballou con Del Riego; Xesús Alonso Montero, académico, ou Benxamín Casal, vicepresidente do consello de administración de Editorial Galaxia.

O vicepresidente da Penzol, Alfonso Zulueta, compañeiro de xeración e cofundador de Galaxia, da que segue a ser presidente do consello de administración, leu, emocionado, un poema que no seu día o intelectual galeguista escribiu para o seu amigo. O texto inclúese xunto a outro da escritora Rosa Aneiros ( Alba de Gloria para Fernández del Riego ) nunha pequena publicación na que se recollen as numerosas adhesións recibidas nas últimas semanas.

Ademais, o pintor Antón Pulido fixo entrega á Penzol dunha copia do retrato de don Paco que, no seu día, o artista realizara para a Real Academia Galega.