A cultura galega celebra os 50 anos de «Memorias dun neno labrego»

F. S. Cordón A ESTRADA/LA VOZ.

CULTURA

O libro, publicado en 1961, superou xa os 600.000 exemplares vendidos e foi traducido a numerosos idiomas

06 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

O Museo do Moble da Estrada acolleu onte un acto cultural e social organizado para conmemorar o 50 aniversario da publicación do libro Memorias dun neno labrego , de Xosé Neira Vilas, unha das primeiras obras da literatura galega escrita para nenos e maiores e un auténtico best seller. A Editorial Galaxia, a Fundación Neira Vilas, a Xunta e o Concello da Estrada -municipio ao que está moi vinculado o escritor- implicáronse na organización da homenaxe, que se repetirá en máis actos similares este ano en Galicia. Ao de onte, que contou coa presenza do propio Neira Vilas, acudiron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director xeral do Libro e Bibliotecas, Francisco López-Barxas; o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o alcalde estradense, José A. Dono, ademais de distintos persoeiros das letras e da cultura da comarca e do resto de Galicia.

Onte cumpríanse 50 anos exactos da publicación, en Buenos Aires e a cargo da editorial Follas Novas, do primeiro libro en prosa de Neira Vilas e con ilustracións de Luís Seoane, Memorias dun neno labrego, a historia daquel Balbino que defende a dignidade do ser humano e un personaxe perdurable. Foi esta unha calidade que salientou López-Barxas: «Fainos identificarnos con el e coas súas vivencias».

Anxo Lorenzo afirmou na súa intervención que «a obra pertence xa á literatura universal, e foi para moitas xeracións o seu primeiro contacto coa literatura galega». É unha obra, segundo comentaron outros oradores, que une aos galegos que teñen moi presentes as súas lembranzas da aldea, as vivencias, a loita pola dignidade e a tristeza cando o único amigo é un can.

Víctor Freixanes explicou que xa se publicaron 31 edicións en galego e outras moitas en linguas estranxeiras. Engadiu que se venderon xa máis de 600.000 exemplares deste libro.

Pola súa banda, Neira Vilas expuxo todos os seus recordos relacionados cos tempos en que escribiu a obra, a súa gran relación coa Estrada e os múltiples contactos -con lectores, tradutores e autores de documentais- e amigos que xerou durante anos o éxito da historia de Balbino. Proxectáronse finalmente diversas fotografías da vida do autor e da época en que escribiu o libro.