A obra de vinte poetas galegos actuais chega aos lectores británicos

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

A revista «Poetry Review» dedica un suplemento a 39 obras traducidas ao inglés por Jonathan Dunne

29 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A tripla escaleira en espiral do Museo do Pobo Galego convida aos lectores ingleses a entrar na poesía galega contemporánea. É a icónica imaxe que anuncia na portada da Poetry Review o suplemento que esta revista publicada pola Poetry Society do Reino Unido lles dedica aos poetas actuais de Galicia, dos que se escolman 39 obras de 19 autores: Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Luís González Tosar, Bernardino Graña, Xulio López Valcárcel, Xosé Luís Méndez Ferrín, Olga Novo, Pilar Pallarés, Chus Pato, Alfonso Pexegueiro, Luz Pozo Garza, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Claudio Rodríguez Fer, Xavier Seoane e Xohana Torres.

As versións que se presentan en inglés, nun caderno aparte con ilustración do pintor Chelín, foron traducidas e seleccionadas por Jonathan Dunne. Dunne buscou dar a coñecer «aqueles nomes máis amplamente recoñecidos no eido da poesía galega contemporánea, poesía que se escribe en galego hoxe en día», polo que seguiu máis un criterio de representación que persoal, co gallo de presentar unha panorámica da lírica galega a un público á que lle resulta descoñecida. O tradutor consultou a poetas e críticos para a selección e escolleu os nomes máis citados. Logo foron os propios escritores os que lle enviaron unha vintena de obras das que Dunne elixiu os poemas entre os que faría a escolla final xunto coa directora da publicación, Fiona Sampson.

A revista, que para este número contou cunha axuda da Xunta, chegará aos 4.000 membros da Poetry Society, constituíndo deste xeito unha notable presentación da poesía galega nun ámbito como o inglés, de difícil acceso para outras literaturas. Non obstante, Dunne cre que «non é especialmente difícil entrar no sistema literario anglófono, simplemente os editores que toman as decisións sobre o que se vai publicar non coñecen a vosa literatura», polo que avoga polo papel das traducións, xunto coa vía universitaria, neste labor de difusión. «Sen tradución, ben pensado, non hai identidade, pero desafortunadamente a tradución queda no último lugar. Tento cambiar isto», remarca.

Jonathan Dunne tamén vén de traducir O único que queda é o amor, o libro co que Agustín Fernández Paz acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e agora traballa na continuación da antoloxía de literatura en inglés: despois dun primeiro volume que escolmou un longo período comprendido entre 1196 e 1981, o segundo centrarase no tempo máis contemporáneo, entre 1981 e o 2011. Nin son os únicos planes, nin as únicas linguas nas que traballa Dunne: «Tamén teño a intención de publicar algún libro galego na miña editorial, Small Stations Press. A miña muller é poeta búlgara e publicamos tanto en inglés como en búlgaro. No 2009, sacamos O lapis do carpinteiro en búlgaro, libro que eu mesmo traducín ao inglés».