«A catalogación BIC do castro tramitarase en breve»

Javier Romero Doniz
Javier Romero NOIA/LA VOZ.

CULTURA

19 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O departamento que dirixe, e que depende da Consellería de Cultura, é o encargado de velar polo dilatado patrimonio que se reparte ao longo do territorio galego. O castro de Baroña é unha das prioridades para o seu director, Rey Pichel, quen asegura que unha das novidades máis inminentes será a declaración do xacemento de ben de interese cultural (BIC).

-¿Como é posible que o segundo castro máis visitado de Galicia puidese chegar ao estado no que se atopa actualmente?

-É un xacemento onde se actuou constantemente durante moitos anos, realizando escavacións e mantemento para a súa posta en valor ata o ano 1996. Nos oitenta realizáronse numerosas escavacións e nos noventa traballos de acondicionamento do xacemento para a súa consolidación. Nos últimos anos viuse a necesidade de actuar para regular os seus usos a través dun programa máis ambicioso que contemple todas as actuacións para a súa posta en valor cun plan director, un plan especial e ata a posibilidade dun centro de interpretación do castro.

-¿Que administracións asumirán o custo deste plan especial?

-A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, realizou un estudo previo do plan especial, pero o financiamento do gasto responde ás previsións que se contemplen nesta iniciativa. O financiamento do plan especial depende do Concello do Son.

-¿Que extensión abarca o plan especial deseñado para o xacemento de Baroña?

-Pois abarca todo o ámbito do entorno e, sobre todo, marcará onde se pode acampar.

-¿Pode explicar que inclúe o plan especial para os que non coñezan a súa finalidade sobre o castro?

-O plan especial, aprobado polo Concello, ten como finalidade regular os usos da zona. Despois establece proxectos de execución para o futuro e adoita ter un cronograma.

-E a declaración BIC ¿cando chegará?

-A catalogación BIC do castro tramitarase en breve. Esta categoría outórgalle a máxima protección e a través do plan especial reafírmanse as características do ben. É a máxima protección da lei patrimonial.