Enma Pedreira: «A poesía non enche a neveira»

Begoña Rodríguez Sotelino
B. R. Sotelino VIGO/LA VOZ.

CULTURA

A concesión á autora coruñesa do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que se deu a coñecer onte en Vigo, recupera á escritora para o mundo das letras

18 dic 2010 . Actualizado a las 02:46 h.

A poesía non enche a neveira, pero neste caso, si. Enma Pedreira Lombardía (A Coruña, 1978) é a gañadora da novena edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que se fallou onte en Vigo. A escritora engade o seu nome á reputada nómina de poetas significados con este recoñecemento, e que integran Xavier Seoane, María do Cebreiro, Arcadio López-Casanova, Marilar Aleixandre, Román Raña, Carlos Penela, Luís Valle Regueiro e Xavier R. Baixeras. Asemade, o poemario publicarase na colección Arte de Trobar , que ademais dos textos galardoados, edita a obra doutros poetas consagrados. De feito, o acto serviu tamén para presentar un novo título que fai o número dezasete da serie, e que protagoniza o cangués Bernardino Graña cunha compilación que recolle medio século da súa traxectoria. A autora coruñesa fíxose co premio mellor retribuído no panorama dos concursos líricos en Galicia. O certame, organizado pola entidade financeira e o Centro PEN de Galicia, está dotado con 12.000 euros.

-O xurado elixiu por unanimidade o seu poemario, que leva por premonitorio título «Antítese da ruína». É de supoñer que estará encantada...

-¡Moitísimo! A miña obra estaba a punto da extinción e que me dean este premio, que é dos mais importantes que temos, faime pensar que chaman á miña porta para dicir: «Tes que volver». Eu estaba moi interesada en que este libro chegase a algo, e interprétoo como unha chamada a saír de novo. En Antítese da ruína volquei todo o traballo literario dos últimos anos, nos que deixei de escribir por outros motivos condensados neste texto.

-¿De que ruína fala?

-Do camiño autodestrutivo e do estado ruinoso das persoas e as familias, da ruína como estado físico, pero tamén como un desmoronamento interior e emocional, da perda de calidade de vida e das gañas de vivir. É unha reflexión sobre a morte e a perda de alicerces que estiven elaborando nos últimos anos.

-¿Por que deixara a escrita?

-Non a deixara de todo, pero fíxeno con menos intensidade que outros anos, nos que remataba practicamente un libro por ano, compaxinando narrativa con poesía, dando moitos recitais, charlas, etcétera. Desde que entrei no mundo laboral en serio, deixei a escrita un pouco de lado. Tamén estaba buscando un momento de calma para cimentar a miña poética e tardei en atopar outras cousas que dicir despois de dez anos enfrontándome ás mesmas ideas. Decidín calar un pouco para despois ter máis cousas que dicir. Foi unha procura de min mesma. Precisaba mirar cara adentro, facerme outras preguntas e facer tamén unha vida normal, unha vida de calidade cunha nómina a fin de mes.

-¿E se fixo profesora da universidade, quizais?

-Non, son funcionaria na Administración. Nada que ver coa literatura. A poesía reconforta, pero non enche a neveira.

-¿A súa pertenza á xeración dos noventa é unha etiqueta ou é algo máis?

-Eu síntome completamente de acordo con ela.

-¿Que os une, ademais da idade?

-Os estudos, a dirección que tomamos baixo a etiqueta da poesía de muller, a amizade...

-¿É unha xeración muller?

-Tamén é de homes, pero nós envolvémonos nunha temática que nos diferenza.