Oliver Laxe reivindica a súa orixe ao recoller o Premio Cineuropa

M. Beceiro SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Para o director galego, é «estraño» gañar galardóns que se dan ao final das carreiras

01 dic 2010 . Actualizado a las 03:28 h.

Oliver Laxe, o director de orixe galego nacido hai 28 anos en París e afincado en Tanxer, recolleu onte o segundo dos premios Cineuropa que concede o festival compostelán na súa vixesimacuarta edición. O novo realizador foi a revelación do último Festival de Cannes ao gañar o premio da crítica internacional coa súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns . Onte, antes de recoller o premio de Cineuropa Teatro Principal, confesou ante os xornalistas que recibir o premio no festival francés pareceulle «algo estraño» porque «os premios danse ao final das carreiras». No entanto, o realizador mostrouse honrado por este galardón, pero aclarando que «o diálogo que ten un cineasta coa súa obra transcende os premios».

Sobre a dificultade que teñen filmes como o seu para a exhibición nas salas comerciais, ao director galego parécelle grave que os distribuidores lle digan que Todos vós sodes capitáns «é unha película difícil». Nese sentido, confesou celebrar iniciativas como o festival Cineuropa, que, dixo, «ten un rigor e un respecto co cinema, a arte e co público que habería que mirar incluso de amplialo».

Durante la gala tamén se proxetou a ópera prima de Laxe, tamén galardoada no último festival de Xixón. O director declarou estar encantado de presentar a película en Galicia «porque son de aquí». «Penso -engadiu- que o máis difícil na vida é aceptarse. E eu, para ben ou para mal, acéptome como galego; máis para ben. Entón é unha celebración na casa e coa familia».