Xurxo Sierra: «Vivimos tempos estraños e suicidas»

La Voz A CORUÑA / LA VOZ.

CULTURA

O autor recibiu na Fundación Seoane o Premio de Narrativa Repsol por «Os fíos»

23 nov 2010 . Actualizado a las 02:48 h.

Historias literarias cruzadas e alianza de institucións. Todo iso confluía na noite de onte na Fundación Luís Seoane da Coruña. As historias cruzadas están contadas por Xurxo Sierra Veloso (Caracas, 1969) en Os fíos, o texto polo que recibía o Premio de Narrativa Repsol, e ademais presentábase o novo libro. As institucións que confluían, coa Seoane como anfitrioa, eran a Repsol, que entregaba a Sierra a cuarta edición do premio, a editorial Galaxia, que publicou o libro premiado, e a Secretaría xeral de Política Lingüística. «A cultura non é un floreiro, é un capital, hoxe máis que nunca fan falta alianzas entre as Administracións, as empresas e a cultura», dicía na presentación Víctor Freixanes, director de Galaxia, apuntando que o plan estratéxico deste selo pasa pola saída ao exterior e ás novas tecnoloxías. Sobre a obra de Sierra, asegurou que era «literatura da sorpresa» e comparouna con Rayuela, de Cortázar.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, dixo que o Premio de Narrativa Repsol «está asentado no sistema literario galego». Lorenzo cualificou a Xurxo Sierra como «escritor auténtico que desde Zamora non hai árbores que lle impidan ver o bosque».

O galardoado confesou a súa emoción e asegurou que tódalas súas viaxes a A Coruña «tiveron causa literaria». Tamén cualificou como «honra incrible» o ter publicado en Galaxia e, despois de afirmar que «vivimos tempos estraños e suicidas» en canto á lingua galega, dedicou o premio aos seus pais e aos seus avós: «Polo gran agasallo que me fixeron da lingua».

César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, salientou o compromiso desta coa cultura antes do concerto ofrecido polo Grupo Instrumental SXX, dirixido por Florian Vlashi.