Rosa Cedrón e Cristina Pato presentan o seu primeiro disco xuntas, «Muller»

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

O disco será presentado mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea

23 nov 2010 . Actualizado a las 02:49 h.

Rosa Cedrón e Cristina Pato presentarán a primeira gravación da súa colaboración musical, un disco no que ademais do seu traballo como instrumentistas e cantantes están arroupadas por unha orquestra sinfónica.

Muller é o título deste primeiro disco das dúas músicas, violonchelo e voz no caso de Rosa Cedrón, piano e gaita no caso de Cristina Pato, que levan actuando xuntas arredor de dous anos nunha xira que, baixo o título de Soas, levounas polos principais escenarios galegos.

O disco será presentado mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea cun pequeno concerto no que pasarán revista ás principais cancións dun cedé no que, ademais das cancións de cada unha das artistas, tamén se incorporan clásicos da música galega.

O disco está dividido en dúas partes. Na primeira delas, Cristina Pato ao piano e Rosa Cedrón ao chelo e á voz cantan cinco pezas sen máis orquestración, tomando como referencia o son que se foi conxuntando ao longo dos concertos.

Na segunda parte, o disco incluirá outras sete pezas nas que as dúas artistas estarán acompañadas pola Bratislava Symphony Orchestra, dirixida por David Hernando e que foi gravado o pasado mes de xullo en Eslovaquia con arranxos do compositor galego Octavio Vázquez.

O disco púxose á venta onte e a primeira presentación, dirixida aos medios de comunicación, terá lugar no CGAC, mañá ás doce e media.