A Universidade de Vigo edita o primeiro dicionario de galego-éuscaro, que está financiado pola Xunta
CULTURA
O libro, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, recolle arredor de cinco mil entradas e outras tantas frases feitas e expresións típicas,
18 nov 2010 . Actualizado a las 02:04 h.Isaac Fernández foi o primeiro profesor de éuscaro que tivo a Universidade de Vigo cando esta era, segundo lembrou o vicerreitor Xosé Henrique Costas, a única en España na que se podían aprender as catro linguas oficiais. E Isaac Fernández é tamén o autor do primeiro dicionario galego-éuscaro e éuscaro-galego da historia, que publica a mesma institución académica.
O manual presentouno onte o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, ata hai uns meses director da Area de Normalización Lingüística, editora da obra, acompañado polo novo director do departamento, Pablo Cabral, e o autor do dicionario. Isaac Fernández, que na actualidade é lector de galego na universidade irlandesa de Cork, fixo unha sentida loa ao proceso de reconstrución identitaria levada a cabo polo pobo vasco sen inxerencia das Administracións, e afirmou que «ningunha campaña gobernamental vai a salvar ao galego si a sociedade non está empurrando detrás, e cando non hai nada entre o individuo e a Administración, a Administración fai o que quere. Iso é o que estamos vivindo nós», dixo.
Unhas cinco mil entradas
O libro, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, recolle arredor de cinco mil entradas e outras tantas frases feitas e expresións típicas, con apéndices nos dous idiomas, e está enfocado a axudar as persoas que por primeira vez queren achegarse a calquera destas linguas.
O volume foi prologado polo poeta e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Anxo Angueira, e polo poeta vasco Harkaitz Cano.
O dicionario recolle o traballo de varios anos de Isaac Fernández, aínda que matizou chanceando que é máis ben «o traballo dun repartidor de pizzas», xa que cando iniciou o proxecto aínda non era filólogo, senón un estudante que traballaba a tempo parcial no saturado sector da comida rápida. Neste intre non ten competencia laboral. É o único tradutor e intérprete directo de éuscaro a galego. Empezou vertendo as verbas de Álvaro Cunqueiro, seguiu con Ferrín e o seu derradeiro encargo está nas librerías: Bilbao-Nueva York-Bilbao , de Kirmen Uribe. Para rematar o acto, leu un poema de Gabriel Aresti. Primeiro en éuscaro e despois en galego.