A Barrié e a RAG publicarán 15 textos inéditos de Manuel Antonio

Rodri García A CORUÑA/LA VOZ.

CULTURA

José María Arias lembrou o compromiso da fundación coa lingua, como patrimonio de todos os galegos

06 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Uns «papeis míticos da cultura galega» serán publicados pola Fundación Barrié de la Maza e a Real Academia Galega. «Posiblemente sairán para Reis , sería un bo agasallo», apuntaba onte Xosé Luís Axeitos, responsable da edición do primeiro libro da nova colección Clásicos da Academia, dedicado a Manuel Antonio. O primeiro destes libros recollerá a prosa inédita dun autor que Axeitos, secretario da RAG, cualificou como «o gran poeta europeo do século XX».

A publicación destes textos inéditos dentro da nova colección forma parte do acordo asinado onte no salón de plenos da RAG por José María Arias, presidente do Banco Pastor e da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia. Este último lembrou que a fundación «leva moitos anos facendo grandes esforzos en favor da cultura galega no seu conxunto», algo que confirmou Arias: «A Fundación Barrié renova hoxe o seu compromiso coa conservación e promoción do patrimonio lingüístico e literario galego, e potencia o seu recoñecemento e apoio ao labor da Real Academia Galega, á que nos vincula unha longa traxectoria de colaboración desde 1968».

Arias indicou que coa sinatura dos dous convenios a Fundación Barrié renovaba o seu compromiso coa lingua galega como patrimonio de todos os galegos con liñas de acción concretas en dúas direccións: no eido da literatura, coa creación da nova liña editorial conxunta Clásicos da Academia, e no ámbito da lexicografía, cun acordo que formaliza a colaboración coa RAG para a edición dos futuros dicionarios da mesma sobre unha base estable.

«Un deseño clásico, de peso»

Na mesa presidencial da RAG atopábase onte o que parecía o primeiro libro da nova colección, aínda que «é so unha maqueta», dicía Axeitos, que tivo palabras de eloxio para o traballo de deseño da nova colección que fixo Olga Otero. «É un deseño clásico e de peso académico», apuntaba a deseñadora, salientando tamén o traballo de David Carballal. Amosando un adianto do que será a primeira obra, Carballal chamaba a atención sobre algúns dos pequenos detalles que leva o deseño do volume, como son «a estrela que Manuel Antonio poñía en moitos dos seus escritos». A cor azul, «unha chiscadela a Galicia», é outro dos detalles deste primeiro libro dunha colección na que, segundo Olga Otero, «irá destacado o nome do autor».

Os primeiros títulos da colección serán as obras completas de Manuel Antonio, do que se publicará Prosa , primeiro exemplar ao que seguirán, por este orde, os titulados Poesía, Correspondencia e Biografía .

Axeitos salientou que era «un día histórico para a nosa cultura; vai haber un antes e un despois», e explicou que estes textos inéditos formaban parte dos fondos da Fundación Barrié de la Maza xa que foron cedidos á entidade no legado de Domingo García-Sabell. Adiantou así mesmo que os textos en prosa de Manuel Antonio «van sorprender pola visión que tiña un autor de pouco máis de vinte anos, das súas lecturas ou da política, da que tamén escribía».

Respecto a estes fondos documentais da Fundación Barrié, José María Arias lembrou que outro dos autores sobre os que se podería editar a súa correspondencia persoal -«ten máis de mil cartas-, é Víctor Sainz Armesto.

Javier López Martínez, director da Fundación Barrié, salientou que a idea da entidade «é que a mellor maneira de conservar o patrimonio é dándolle uso» e por iso salientou a importancia dos novos dicionarios en Internet, co que colabora a fundación, o que permite unha interacción cos usuarios.