Agradecemento persoal de Ferrín aos grupos políticos polo seu apoio nos presupostos

La Voz

CULTURA

06 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Non se vota aínda ata mediados de novembro, así que polo de agora hai que agardar a ver como remata todo isto; está posto no papel pero non está pechado», apuntaban onte desde a Real Academia Galega despois de que a Comisión de Orzamentos do Congreso incorporara ao proxecto de lei dos presupostos do Estado unha emenda para asignar a RAG unha dotación dun millón de euros. Esta decisión foi tomada despois dunha emenda pactada entre o PSOE e o BNG.

De todos os xeitos, o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, agradeceu persoalmente aos voceiros parlamentarios, mediante chamadas telefónicas, «a súa posición e a súa sensibilidade» nesta asignación coa que, en palabras do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, «corrixe unha discriminación histórica».

Os orzamentos do Estado tiñan previsto para o próximo ano unha dotación de 200.000 euros para a Academia Galega, que con esta emenda chegaría a un millón de euros, co que a institución galega quedaría equiparada coas súas homólogas de Cataluña é o País Vasco.

Para os orzamentos de este ano, os responsables da RAG están pendentes dunha dotación de 200.000 euros por parte do Ministerio de Cultura, «pero esa é unha asignación por concorrencia competitiva», indicaba onte o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos. «Está sen resolver», dicía, xa que a Academia presentou un proxecto para o que estaría destinados ese diñeiro.