Tres películas galegas proxéctanse dende hoxe nun de cada cinco cines

Miguel Anxo Fernández VALLADOLID.

CULTURA

«Retornos», «Vivir para siempre» e «La tropa de trapo» chegan con máis de 200 copias ás pantallas españolas

29 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tres coproducións galegas chegan hoxe simultaneamente ás pantallas españolas, sumando máis de 200 copias en todo o país, das que arredor de trinta ocuparán o 20% do parque exhibidor galego, un feito que nunca antes se dera na historia do audiovisual de Galicia para a pantalla grande. Coa particularidade de que Retornos mostrarase subtitulada fóra de Galicia, La tropa de trapo chega con copias en 3D (tamén en galego), e Vivir para sempre xa ten asegurada a súa exhibición nas salas británicas.

Esas tres singularidades dan valor engadido á circunstancia de hoxe, unha estrea que, ademais, se produce nunha ponte festiva, o que lles permitirá obter mellores resultados nos despachos de billetes. Nese sentido, o esforzo promocional que están a facer as produtoras Vaca Films, Formato e Continental Animación tamén é considerable. Trátase de que o público galego participe deste esforzo e confirme que o cine propio é homologable ao resto en termos de mercado. No conxunto da súa produción participan, entre outras, institucións como a Consellería de Cultura a través de Agadic, o Ministerio de Cultura, Televisión de Galicia, Sempre Cinema e o Consorcio Audiovisual de Galicia en canto a axudas á promoción.

Os tres filmes corresponden a xéneros diferentes e van dirixidos tamén a públicos distintos. O máis específico é a infantil La tropa de trapo, realizada por Álex Croll e destinada sobre todo aos máis pequenos, un target para o que non abundan produtos pese a ser animados. Estará en Galicia con dez copias, das que cinco serán en 3D e en galego. As outras dúas películas admiten públicos máis variados. O thriller do noiés Luis Avilés, Retornos , rodado enteiramente en Galicia e coa maioría de actores galegos, entrará con trece copias repartidas entre cidades e vilas das catro provincias e destinará 18 ao resto do mercado español, sen descartar que se faga unha segunda oleada dependendo do éxito de público despois da boa collida na Seminci de Valladolid.

Por último, hoxe proxéctase tamén Vivir para siempre, de Gustavo Ron, un emotivo drama para todos os públicos, cun reparto internacional no que figuran Ben Chaplin e Greta Scacchi á súa fronte, coa súa posprodución feita na Coruña e algunha secuencia filmada na Lanzada. Sairá con 91 copias en total, das que cinco estarán en Galicia con novas incorporacións na semana seguinte.

Próximas estreas

Hai máis filmes agardando estrea. Ademais da coprodución The Way para o 19 de novembro, con Martin Sheen no reparto, están filmes como 18 comidas (de Jorge Coira), Crebinsky (de Enrique Otero), Secuestrados (de Miguel Ángel Vivas), O apóstolo (de Fernando Cortizo), e outros coa posprodución avanzada como os de Filmanova, Doentes (de Gustavo Balza) e as coproducións con México, Años después (de Laura Gardós) e Brasil, ¿Onde está a felicidade? (de Carlos Alberto Riccelli), entre outras. Considerando que decembro é por tradición un mes copado polas multinacionais norteamericanas, moitas das estreas produciríanse no primeiro trimestre do ano próximo.