A primeira metade do 2010 rexistrou un incremento da edición galega, segundo o ISBN

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

O segundo trimestre pechouse con máis de 1.500 títulos editados en Galicia

17 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Segundo os datos do ISBN, organismo encargado de levar rexistro de todos os libros que se editan no Estado español, o período de abril a xuño deste ano foi bo para a edición en Galicia a xulgar polo número de títulos publicados. Deste xeito, durante o segundo trimestre do ano foron publicados en Galicia un total de 1.522 títulos. Por comunidades, Galicia é a única do país que mellora as súas cifras con respecto a períodos anteriores.

A Agencia del ISBN, dependente do Ministerio de Cultura, fai estatísticas trimestrais sobre o número de títulos que se publican. Cada libro editado no Estado debe levar un número proporcionado polo ISBN de xeito que nesta axencia están rexistrados a maioría dos títulos publicados, toda vez que o trámite non é obrigatorio para os exemplares que non saen á venda.

A axencia acaba de dar a coñecer, na web do Ministerio de Cultura, os avances correspondentes ao segundo trimestre do ano, uns datos que ofrecen cifras máis que positivas para a industria editorial en Galicia. Ao rematar o mes de xuño rexistráranse no ISBN un total de 1.522 títulos en Galicia, tanto en galego como en castelán e outras linguas.

O pasado ano 2009, para o mesmo período, os títulos publicados en Galicia eran 913, o que supón na práctica un incremento de máis do 66% dun ano para outro na industria galega da edición. Neste caso, tamén mellorou a participación do impreso en idioma galego, que supuxo medrar de 679 a 834 títulos.

Os datos chegan despois dun sorprendente 2009, no que se produciu xa un incremento do 10,3% respecto do ano anterior no número de ISBN concedidos á comunidade galega. Foron 4.069, fronte aos 3.690 do 2.008. E dábanse mentres que en Cataluña había un descenso do 7% (de 34.512 a 32.081) e no País Vasco do 4,9 (de 4.548 a 4.327). No conxunto do Estado o signo foi positivo, un 5,7%.

Cambio de tendencia

Pero a marcha positiva da edición en Galicia, comparando os dous exercicios anuais, non o foi por contra para o idioma galego, que, segundo os datos que se recollen na Panorámica de la edición española de libros 2009, baixou un 14,5% entre o 2008 e o 2009 (2.482 fronte a 2.121).

Tamén dun ano para outro a edición en euskera caera un 5,4% (de 2.156-2.040) e en catalán un lixeiro 2,1% (10.526-10.750).

Segundo os mesmos datos, en España editáronse no segundo trimestre do ano e en todas as linguas 27.373 títulos, fronte a 31.464 no 2009.

Na Panorámica de la edición española de libros 2009 figuran outros datos curiosos. Un exemplo constitúeno as altas de axentes editores que se produciron ao longo do 2009, xa en plena crise económica e do libro en xeral. En Galicia foron 12 (con todo, un 36,8% menos que o ano anterior), mentres que a media do Estado era un -6%, subía Cataluña (20,6%) e baixaba o País Vasco (-72%).

En todo o 2009 rexistráronse en España 110.205 títulos (+5,7%), 96.955 en papel e 13.250 noutros soportes.