A escritora María Canosa gaña a oitava edición do premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil

La Voz OURENSE/LA VOZ.

CULTURA

09 oct 2010 . Actualizado a las 02:37 h.

A escritora María Canosa Blanco foi galardoada onte co premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil. Na oitava convocatoria deste certame literario da Deputación Provincial de Ourense foron presentados 15 orixinais, optando o xurado por a obra O papaventos de Laura como o mellor traballo dos que participaban no certame. Os responsables de fallar o premio Pura e Dora Vázquez de literatura salientaron no caso da obra elixida «o feito de ser unha historia moi imaxinativa, alegre e fresca, nun entorno familiar cheo de tenrura», ademais de incidir en aspectos como que «o texto ten un final educativo, é dinámico, rico e enxeñoso, ademais de ser rico e atractivo para o proceso de ilustración».

Convocatoria para ilustración

O xurado que elixiu onte a obra gañadora do premio Pura e Dora Vázquez estivo formado polo deputado de Cultura, José Luis Valladares Fernández; Xoán Babarro González (gañador da pasada edición), Isaac Alonso Estraviz (educador e investigador), Isabel Almuiña González (técnica da Biblioteca Provincial da Deputación de Ourense) e José Manuel Fernández López, profesor.

A convocatoria de literatura infantil e xuvenil da Deputación de Ourense ten dous apartados: creación literaria e ilustración (ambos dotados con 3.000 euros). Una vez elixido o texto gañador, agora a Deputación de Ourense procederá a convocar o concurso para ilustrar a obra seleccionada.

Recente morte de Dora

A oitava edición do premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil ten un carácter especial, que onte mesmo foi salientado polo organismo convocante, ao estar aínda recente o pasamento de Dora Vázquez «a última das dúas irmás con vida e que tanta atención dedicaron ao máis novos na súa literatura». Co gallo do pasamento da escritora, o organismo provincial anunciou a súa intención de incidir na divulgación da súa obra e na edición dalgúns dos libros que forman parte do fondo doado polas escritoras á Deputación de Ourense.