Antonio Gala, Rivas, Vázquez Figueroa e Reigosa estarán na Semana Auria de Novela Histórica

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

CULTURA

07 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ourense, «a cidade literaria por excelencia e o marco no que agromaron moitas das máis significadas obras dos últimos cen anos das letras galegas», segundo o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, acollerá nos vindeiros días, do 10 ao 17, a primeira edición da Semana Auria de Novela Histórica. O proxecto encádrase dentro das actividades do Xacobeo 2010 e do Ano da Lectura e nace, segundo confirmou onte o conselleiro na presentación en Ourense, con vocación de continuidade.

Roberto Varela afirmou na súa presentación que a literatura segue a ser o eido de creación que mellor define a historia ou as cidades, lembrou aos autores que fixeron inmortais espazos como París e Londres, e asegurou que «ningunha foto ou spot publicitario poden recoller e transmitir a esencia indeleble das paisaxes e os ambientes como a literatura». Amosouse ilusionado con que este tipo de citas sexan o escenario do que sairán os futuros creadores que narrarán «unha Galicia tecida de imaxinacións e sensacións».

Entre os autores que teñen confirmada a súa presenza na Semana Auria de Novela Histórica están Antonio Gala, Juan Eslava Galán, Alberto Vázquez Figueroa, Luis García Mañá, Manuel Rivas, Carlos Reigosa, Xosé Carlos Caneiro e César Vidal. Ademais haberá encontros, mesas redondas, conferencias e debates nos que está confirmada a presenza de creadores como Vicente Araguas, Aníbal C. Malvar, José de Cora, Xoán Bernárdez Villar, Darío Xohán Cabana, Antón Reixa, Carlos Mella, Fernández Naval, Ramón Nicolás, Ramón Pernas, Manuel Bragado, Alfonso Vázquez Monxardín, Marcos Calveiro, José M. Paz Gago, Luis Rei Núñez ou Ramón Loureiro.

Premio, música e cine

A Semana Auria inclúe diferentes actividades. Unha delas será a elección, por parte dos lectores, da 1.ª Novela Inmortal deste certame. Hai 10 obras propostas e pódese votar na feira do libro que inclúe a semana, no Xardín do Posío, ou na web http://auria.xacobeo.es. Tamén haberá proxeccións de películas de temática histórica, actuacións musicais, recitais e outras propostas vencelladas con esta literatura «tan en auxe na actualidade».