Ourense acolleu a estrea de «18 comidas» en España logo do premio acadado en Taormina

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

CULTURA

O director, Jorge Coira, e o actor Luis Tosar encabezaron a presencia de convidados

03 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Festival de Cine Internacional de Ourense estreou onte, na súa gala inaugural, a película 18 comidas, de Jorge Coira. A organización do OUFF 2010 reservou a honra de abrir oficialmente a sección de longametraxes a competición á cinta de Coira converténdose, deste xeito, na estrea oficial de 18 comidas en España, logo da boa acollida no festival de Taormina, donde Jorge Coira recibiu o premio ao mellor director. Unha cita a de onte que non se quixeron perder os actores e técnicos da película, contando daquela coa presenza do director, Jorge Coira, e o plantel de actores da mesma ao completo: Luis Tosar, Fede Pérez, Víctor Fábregas, Esperanza Pedreño, Camila Bossa ou Pedro Alonso, entre outros, estiveron no Auditorio de Ourense para participar na estrea da cinta.

Jorge Coira definiu na presentación da obra aos medios de comunicación 18 comidas como un puzzle feito de historias, de «anacos de vida, nun único día de ficción e sempre arredor das comidas. Porque a comida é saborosa, sensual, imprescindible para e vida e, sobre todo, porque é a excusa máis común para que os seres humanos se reúnan e se relacionen». Coira fixo fincapé na súa presenza en Ourense «porque aquí estiven cando este festival empezou a andar hai 15 anos e, logo deses quince anos, volto a estrear esta película -que participa a competición na sección oficial- nunha cita que, para min, é un regalo da vida».

De Tagore á danza bengalí

O OUFF2010 inclúe este ano un apartado adicado a homenaxear a Rabrindanath Tagore no 150 aniversario do seu nacemento e nesa liña incluise a actuación na gala inaugural do festival da bailarina bengalí Kaberi Chatterjee.

O Festival de Cine Independiente de Ourense inclúe, ata o vindeiro día 9, a proxección de 200 traballos e conta para iso con 11 salas habilitadas para o pase dos mesmos. Hoxe proxectaráse, entre outras, Os Crebinsky.