«Quixen contar a historia de mulleres soas por unha imposición que asumiron como unha obriga»

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Marica Campo novela a vida de once personaxes, once mulleres solteiras que quedaron varadas por motivos que non tiñan relación coa súa vontade.

01 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A estas alturas ser muller e solteira, ou ser muller e non ter parella, non levanta os mesmos comentarios que hai cincuenta anos. Aínda que algúns quedan. Marica Campo novela a vida de once personaxes, once mulleres solteiras que quedaron varadas por motivos que non tiñan relación coa súa vontade. A escritora luguesa presentou onte na Libraría Couceiro de Santiago Onde houbo lume, editada por Biblos.

-As mulleres que quedaron solteiras son as protagonistas da súa novela. ¿Foi un colectivo moi estigmatizado?

-Moito. As protagonistas da novela son mulleres que quedaron soas por imposición, sen vontade de quedar. Por atender á familia, por entrar na Sección Femenina. Por causas que sempre lles viñan impostas, sen posibilidade de facer outra cousa. Eu quixen contar esas historias de imposición, de mulleres que quedaron atrapadas polas decisións dos demais que elas asumiron como unha obriga.

-As historias que conta no libro ¿teñen un referente real?

-A maioría das historias que utilicei teñen un referente real. Nalgún caso incluso os personaxes poderían ser identificados polos lectores do meu entorno. Pero na maior parte das historias utilicei casos que coñecía e con eses datos fun armando as historias, que non se corresponden exactamente con mulleres concretas.

-¿Por que cre que se deron esas circunstancias?

-Na maior parte dos casos tiñan adxudicado un rol familiar consagrado ao coidado dos demais. Elas non podían escoller e asumiron o que lles tocou. Non tiveron outra opción. Poño por caso a irmá dun crego que se ocupou del e xa non fixo outra cousa na súa vida. Tamén hai moitísimos casos das que quedaron para coidar a familia, pero digo con familia tanto os pais como os sogros. Era unha misión que as mulleres debían asumir no caso de xente maior ou de enfermidade, porque naquela altura non había residencias nin era xeral a hospitalización. Tampouco había dúbidas sobre iso, dábase por feito que era unha obriga que as mulleres tiñan que asumir e que os homes non. Outro exemplo, os días de festa as mulleres tiñan que traballar moitísimo máis para que as cousas estivesen preparadas. Dábase por feito que tiña que ser así.

-¿Esas circunstancias están hoxe superadas?

-Hoxe as mulleres poden escoller se queren quedar ou marchar. Se queren ter parella ou non. Pero aínda pervive a idea de que as mulleres teñen que asumir o coidado da familia.