Nova xira por Galicia da obra de Murado «Historias peregrinas»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ.

CULTURA

Teatro do Noroeste representou onte un texto que xa escenificara hai 15 anos.

01 oct 2010 . Actualizado a las 13:20 h.

Teatro dentro do teatro. As Historias peregrinas do escritor e xornalista Miguel Anxo Murado volven aos escenarios galegos. Despois da súa estrea, a semana pasada no Pazo da Cultura de Narón, onte a compañía Teatro do Noroeste representou esta obra no Teatro Colón da Coruña.

Eduardo Alonso e Luma Gómez, creadores da compañía, xa representaran a divertida comedia escrita por Murado hai 15 anos. «Volvemos a representala porque a obra é divertida e gústanos ese texto, pero non ten nada que ver co Xacobeo, de feito xa ves que o deste ano xa está rematando», apuntaba na tarde de onte Luma Gómez.

Alonso, primeiro director do Centro Dramático Galego, volve a dirixir, e Luma forma parte dun reparto no que están tamén Xan Casas e Fernando González, un grupo de actores que non ten nada que ver cos que representaron a Murado nos anos noventa.

A obra conta a historia dun grupo de cómicos que van facendo o Camiño de Santiago representando un tipo de pezas dramáticas medievais chamadas danzas de morte e, en ocasións, fan tamén algún auto sacramental. Na súa peregrinación teñen como guía o Códice Calixtino pero, debido a que manexan unha edición defectuosa do mesmo, apártanse da ruta e acaban perdidos nun bosque que está preto de Compostela. O grupo de cómicos atópase cun problema, xa que o actor que nas súas funcións fai o papel de Home Inocente fuxe coa actriz que encarna a Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións.

Os cómicos protagonistas desta trama non atopan un substituto axeitado para o actor fuxido, entre outras cousas porque o milenarismo, as herexías, as guerras e a peste volveron a todos os os posibles candidatos máis ou menos malencarados para ser Home Inocente. Un preso que consegue escapar dunha das numerosas execucións públicas que se fan naqueles momentos acaba atopando ao grupo de cómicos e desde ese momento aparece o xogo teatral na súa totalidade.

Alonso e Luma aseguran que esta é «unha deliciosa comedia sobre as comedias, unha delicada galería de personaxes eminentemente teatrais para falar da vida, da aparencia e da realidade, da razón e a sen razón de ser, e para falar do que para todo home e muller de teatro é o máis querido: o teatro».

A seguinte representación da obra de Miguel Anxo Murado terá lugar en Santiago, o día 27 deste mes de outubro, e despois Teatro do Noroeste levará esta montaxe a escenarios de Pontevedra e Ourense, segundo adiantaron na tarde de onte os responsables da compañía, fundada no ano 1987.