Aluvión de cine galego de calidade para a temporada de outono

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

01 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O presente outono será un tempo excepcional para o audiovisual galego en pantalla grande, tamén pola súa calidade global. Nunca ata agora se dera a feliz coincidencia de que catro filmes con diferente grao de participación galega teñan pechada distribución e data de estrea nun trimestre historicamente favorable en espectadores para o cine español. Coa coincidencia de que o venres 29 de outubro entrarán en cartel Retornos, Maneras de vivir para siempre e La tropa de trapo, unha circunstancia sen precedentes. Ás estreas previstas, cómpre engadir a presenza no inmediato festival de Ourense das longas 18 comidas e Os Crebinsky, aínda sen distribución pechada, como tampouco a ten o drama Agua fría de mar e a animada O apóstolo, o que confirma unha das grandes carencias do cine galego, o da distribución cualificada e asentada no mercado español con garantías mínimas de difusión en rendibilidade, mentres as carencias da exhibición para o cine propio agárdanse paliar cunha rede pública de salas que o Consorcio Audiovisual de Galicia agarda promover de cara ao ano 2011.

O aperitivo de Rodrigo Cortés

Como aperitivo ao desembarco galego, hoxe chega a agardada Buried (Enterrado), segundo filme do ourensán Rodrigo Cortés despois de Concursante, rodada e producida en Cataluña, pero protagonizada polo norteamericano Ryan Reynolds, parella de Scarlett Johansson.

Presentada con éxito na pasada edición de Sundance, a cinta coñecerá unha estrea mundial ao mellor estilo dunha produción de Hollywood da man da distribuidora Warner. Céntrase no drama dun contratista civil en Iraq, secuestrado e soterrado vivo nun ataúde. A acción transcorre en tempo real e está chamada a ser un grande éxito económico, superado o test da crítica.

Xa no día 29, coincidirán tres estreas. Despois do seu paso pola Seminci de Valladolid para aspirar ao premio do público na sección Punto de encuentro, ao tempo que estará no festival de São Paulo, chegará Retornos, a moi notable ópera prima do curtametraxista Luis Avilés, coproducida por Vaca Films e rodada enteiramente en numerosos exteriores da provincia da Coruña, recreando en clave de thriller a peripecia dun home que regresa a súa vila despois de dez anos de ausencia para o enterro do seu pai. Xavier Estevez é o protagonista, xunto a Manuela Vellés, María Bouzas, Emilio Gutiérrez Caba e Xosé Manuel Olveira Pico no reparto principal.

Posprodución coruñesa

A produtora Formato, asociada con El Capitán Pictures e coa británica Life&Soul Productions, presenta Maneras de vivir para siempre, a historia dun neno afectado dunha leucemia irreversible, que decide escribir un libro singular sobre o mundo e as persoas que o rodean. Rodada na Gran Bretaña e posproducida na Coruña, está dirixida por Gustavo Ron, que fixera Mia Sarah para a mesma produtora. O filme conta cun reparto encabezado por Ben Chaplin e Greta Scacchi. Estrearase con máis dun cento de copias e presentarase con actos especiais en numerosas cidades españolas.

Pola súa parte, La tropa de trapo, dirixida por Álex Colls e producida por Anera Films, Abano Producións e Continental Producciones, baséase nun guión da escritora Lola Beccaría e está dirixida aos máis pequenos. Estrearase en 3D, estará tamén na Seminci, e recrea a peripecia dun grupo de amigos feitos de trapo que descobren con envexa a unhas ovellas que van a participar nun espectáculo.

Finalmente, o próximo 19 de decembro chegará The Way, dirixida e coprotagonizada por Emilio Estévez xunto ao seu pai, Martin Sheen, no papel dun oftalmólogo californiano que debe viaxar a España para recoller o cadáver do seu fillo morto cando ía emprender o Camiño de Santiago.