A escritora Dora Vázquez recibirá sepultura hoxe no cemiterio ourensán de San Francisco

La Voz OURENSE/LA VOZ.

CULTURA

25 sep 2010 . Actualizado a las 02:44 h.

A escritora Dora Vázquez será soterrada hoxe no cemiterio municipal de San Francisco. O pasamento da que foi mestra, xornalista e escritora -de forma salientable no eido poético- produciuse o venres aos 97 anos de idade (nacera en Ourense o 21 de agosto de 1913) e hoxe está previsto o traslado dende o tanatorio As Burgas á igrexa de San Domingos (ás 10.45 horas) para o oficio relixioso. Ao remate do funeral procederase ao traslado ata o cemiterio municipal de San Francisco, onde será soterrada no panteón familiar.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e a corporación provincial de Ourense, que onte celebrou o seu pleno mensual, expresaron onte o seu pesar polo pasamento de Dora Vázquez. Núñez Feijoo salientou «o extraordinario valor da súa obra, reflexo de toda unha vida dedicada á literatura», a Cámara galega definiu á escritora como «unha figura senlleira das letras galegas» e a Deputación de Ourense lembrou a estreita colaboración das irmáns Pura e Dora Vázquez coa institución.

A Deputación pechaba a pasada semana o prazo para orixinais ao premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil.