O Pen Clube entregou os seus premios ás literaturas ibéricas

C. P. SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Gamoneda, Itxaro Borda e Francesc Parcerisas asistiron ao acto, no que faltou Lêdo Ivo

18 sep 2010 . Actualizado a las 03:03 h.

A poeta e narradora vasca Itxaro Borda, o poeta castelá Antonio Gamoneda e o catalá Francesc Parcerisas recolleron no Pazo de Fonseca os galardóns da oitava edición dos Premios Rosalía de Castro que concede o Pen Club de Galicia con carácter bianual a autores e autoras das literaturas do ámbito ibérico en lingua castelá, catalá, vasca e portuguesa. En nome do poeta brasileiro Lêdo Ivo, que non puido acudir por problemas de saúde, recolleu a placa conmemorativa destes galardóns Manuel Rieiro.

A cerimonia deste encontro lingüístico e literario estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que pechou o acto felicitando aos premiados «pola súa contribución á harmonía lingüística e á complementariedade das culturas que este acto simboliza e fai patentes». Roberto Varela entregoulle o premio ao poeta leonés e Premio Cervantes do ano 2006 Antonio Gamoneda, que agradeceu a distinción cun discurso no que insistiu na subxectividade «de mi verdad» e cuestionou a consideración da poesía «como literatura».

O reitor da USC, Juan Casares, fíxolle entrega da placa conmemorativa á escritora en lingua vasca, e o poeta catalá Parcerisas recibiu o seu de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

O presidente do Pen Galego, Luís González Tosar, introduciu a cerimonia e trasladou aos premiados un saúdo do escritor, membro do Pen e presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, que desculpou a súa ausencia por coincidir cun plenario da institución.

A laudatio dos homenaxeados correspondeulle facela ao poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que falou de cada un deles e da súa obra despois de significar o valor simbólico destes premios «únicos no ámbito ibérico e que levan o nome da figura que encarna a personalidade do ser galego». Fernán Vello lamentou que non puidese viaxar a Santiago Lêdo Ivo, ao que considerou «unha das grandes voces poéticas das Américas».