Os contrastes musicais marcan a temporada da Real Filharmonía

A «Misa da coroación» de Mozart inaugura o día 24 unha programación de 30 concertos no Auditorio de Galicia


santiago/la voz.

A Real Filharmonía de Galicia inaugura o vindeiro día 24 a temporada de abono do Auditorio de Santiago coa Misa da Coroación de Mozart dirixida por Jonathan Webb e coas voces da soprano Marta Matheu, a mezzosoprano Cristina Faus, o tenor Juan Sancho e o barítono David Menéndez.

No programa deste concerto, que patrocina a Fundación La Caixa e que será gratuíto pero previa recollida de invitacións, participará o Coro da Fundación Príncipe de Asturias e cinco formacións corais máis, entre as que estará a do Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

Os contrastes musicais marcan a programación da Real Filharmonía Galicia, como subliñou o director técnico da orquestra, Oriol Roch, na presentación dunha temporada cun total de trinta concertos ate o 26 de maio do 2011 coa participación como directores convidados de Jonathan Webb, Juanjo Mena, David Afkham, Christoph König, Santiago Serrate, Manuel Hernández Silva, Antoni Witt, Johannes Debus e Carlos Miguel Prieto. Frank Peter Zimmermann repetirá concerto esta temporada coa Real Filharmonía, nesta ocasión como director e solista cunha selección de pezas para violín de Bach. Entre os solistas que pasarán polo Auditorio destacan os cellistas Enrico Dindo e Daniel Müller-Schott; os violinistas Amaury Coeytaux, Arabella Steinbacher, Carolin Widman e Patricia Kopatchinskaja; os pianistas Lars Vogt, Joanna MacGregor, Ilona Timchenko, Benedetto Lupo e os irmáns Víctor e Luis del Valle; o viola Roberto Díaz; o trompa David Fernández e o trompeta Hakan Hardenberger. Como vén sendo habitual, o mestre Ros Marbà contará como solistas con membros da propia Filharmonía de Galicia, é o caso dos violinistas James Dahlgren, Gregori Nodobora, Ildiko Oltai, Nikolai Velikov ou a oboísta Christina Dominik.

Ademais da RFG intervirán a Orquestra Sinfónica de Navarra, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música e a Sinfónica de Galicia. Os coros de RTVE e o Orfeón Pamplonés completan o abano polifónico co da Fundación Príncipe de Asturias, e intervirán solistas como as sopranos Marisol Montalvo, Julia Sophie Wagner e Mojca Erdman.

A Real Filharmonía de Galicia celebra en febreiro os quince anos de vida con concertos un tanto especiais. Un vai estar dirixido por Helmuth Rilling, que foi o primeiro director da orquestra, entre 1996 e o 2000, cun programa dedicado a Bach. Os compositores galegos estarán presentes na temporada con catro estreas de obras de Octavio Vázquez, Juan Durán, Fernando Buide e unha de Arriola recuperada polo Consorcio.

A orquestra residente no Auditorio volve producir unha ópera, A voz humana , de Poulenc, coa dirección escénica da autora e directora teatral Ana Vallés. Mantense o ciclo de piano Ángel Brage, con recitais de Alice Sara Ott, Arcadi Volodos e Aldo Ciccolini.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Os contrastes musicais marcan a temporada da Real Filharmonía