Un grafiti de Lapeña introduce o programa do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea

La Voz SANTIAGO/LAVOZ.

CULTURA

07 sep 2010 . Actualizado a las 02:12 h.

O grafiteiro Pancho Lapeña realizou unha intervención de grandes dimensións no Mercado de Amio que introduce o programa do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea (Macc) que se celebrará en Santiago esta fin de semana, entre o 10 e o 12, con máis de 65 actividades, vinte delas para grupos reducidos de 15 a 20 persoas.

A creación realizada por Pancho Lapeña consistiu en pintar no chan do mercado de gando de Amio a letra eme de mercado formada por 400 bolsas de tela que os organizadores do Macc entregarán aos participantes nos tres días de actividades. A intervención é unha proposta do propio artista grafiteiro en resposta ao convite que os responsables do Macc lle fixeron a varios artistas composteláns ou afincados na cidades para integrar a creatividade local no programa. Por outra parte, e en coherencia cos obxectivos deste mercado de creación contemporánea, tratábase de fuxir das habituais bolsas manufacturadas. Desta maneira, os participantes nas tres xornadas de talleres, conferencias e debates levarán un anaco dunha obra de arte orixinal nunha das caras da bolsa. O anagrama do Macc só figura nas asas.

A elección do mercado de Amio responde á idea de xogar con elementos descontextualizados, por un lado levando a arte a un lugar dedicado a outra actividades ben distinta e, doutro, compartindo os fins do mercado das ideas e o gandeiro.

Pancho Lapeña formou parte de Aduaneiros sen Fronteiras e desenvolve un traballo artístico vinculado fundamentalmente ao contexto urbano, e ten tomado parte en numerosos encontros e mostras. A colorida obra que creou en Amio empezou a pintala ás catro da tarde e continuaba desenvolvéndoa catro horas despois.