Sete especialistas presentan como actual o pensamento de Castelao

Joel Gómez SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

A Associaçom Galega da Língua lanza para o público lusófono o «Sempre em Galiza» en portugués

28 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A actualidade do pensamento político de Castelao é a principal idea en que coinciden Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo, Encarna Otero e Luís Gonçales Blasco en breves textos de presentación do Sempre em Galiza , de Castelao, que con este título foi editado recentemente nunha versión orientada para o mundo lusófono. O profesor Fernando Vasquez Corredoira, autor da adaptación do texto, tamén coincide nesa idea. E o editor, Miguel Penas, en referencia ao ilustre rianxeiro afirma que é unha figura «totalmente desbordante da Galicia do século XX». A obra foi editada por Através, a nova marca editorial da Associaçom Galega da Língua.

Varios dos traballos insisten na alusión de Castelao a Joam Airas e a como este autor medieval indicou que se a xustiza non o amparaba iría para Portugal; ou os catro principios que o político rianxeiro coloca no final do cuarto libro, onde defende a autonomía galega como alicerce para constituír a Unión Mundial.

Camilo Nogueira lembra que o 18 de xullo de 1936 Castelao estaba en Madrid para entregar o resultado do plebiscito do Estatuto de Autonomía galego; relaciona a súa concepción de nación coa do historiador francés Renan, e afirma que fixo «bandeira» da condición «histórica e institucional do idioma propio e nacional», alén de tornar «saliente a identidade do galego e o portugués», e que confiaba na xente galega.

Francisco Rodríguez compara o ensaio de Castelao con algúns modelos da América Latina, como Mariátegui no Perú ou Martí en Cuba, e afirma que no libro está explicada a alternativa para unha «verdadeira unidade ibérica», diferente da profetizada por José Saramago no ano 2007. Cualifica de «chocante» o «hispanismo» de Castelao, a quen xulga de home «admirable e digno» e «de principios» alén de «político eficaz». Reivindica o espallamento da súa obra gráfica, que considera «por si digna dun museo nacional de arte» e entende «largamente desatendida a súa obra literaria no propio país, síntoma da anormalidade en que continuamos a vivir».

«Comunicador moderno»

Beiras escolle a reedición dun texto de 1975, onde cualifica de asombrosa a «capacidade de síntese» do texto de Castelao respecto da realidade socioeconómica do país. Afirma que non hai un Castelao economista, e que o seu pensamento neste ámbito sigue o da xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista e diversas individualidades, sobre todo a de Alexandre Bóveda.

Para Margarita Ledo, Castelao é «prototipo de comunicador moderno» e ve ao rianxeiro como personaxe «inmenso e diverso que nos representa porque nos expresa».

Encarna Otero entende que Sempre en Galiza debía ser libro de traballo para ler obrigatoriamente nos centros de ensino de bacharelato e, en especial, «nos estudos universitarios». Reclama a «modernidade» desta obra de Castelao, como un dos mellores «ensaios interdisciplinares escritos en galego».

Luís Gonçales Blasco indica que Castelao era federalista, aínda que «o seu federalismo era internacionalista» e nunca opuxo federalismo e internacionalismo na súa produción.