A obra, que se vende xunto co xornal, vai acompañada por un novo volume doutro coleccionable, A historia da literatura galega , dedicado á prosa da Xeración Nós.
20 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A figura de frei Martín Sarmiento (Vilafranca do Bierzo 1695-Madrid, 1722) protagoniza mañá a nova entrega da colección de escolmas de autores galegos O mellor de... , que La Voz ofrece polo prezo de 1,95 euros. A obra, que se vende xunto co xornal, vai acompañada por un novo volume doutro coleccionable, A historia da literatura galega , que esta semana está dedicado á prosa da Xeración Nós.
A especialista Aurora Varela Caabeiro foi a responsable da escolma de textos de Martín Sarmiento, o gran pedagogo da Ilustración e un dos homes máis cultos da España do século XVIII, que se distinguiu como pioneiro na defensa da lingua galega e a súa normalización como idioma de cultura e apto para o ensino.
Deste erudito, no apartado da súa antoloxía en galego recóllese o Coloquio de 24 gallegos rústicos , composto por máis dun millar de estrofas en verso das cales aquí se extractan as mellores.
Agás este coloquio, a meirande parte da obra de Frei Martín Sarmiento está escrita en castelán, xa que, segundo destaca esta obra, viviu a maior parte da súa vida lonxe de Galicia e, ademais, nun período onde a literatura en galego non existía. Can todo, Galicia era o tema en torno ao cal xiraban case todos os seus textos, que destacan «polo seu interese, pola súa modernidade, pola súa vixencia».
No apartado da antoloxía en castelán, o libro recolle fragmentos de Demonstración crítico-apologética del theatro crítico universal, Viaje a Galicia, Hierbas, Colección de voces y frases gallegas, El porqué sí y porqué no y La educación de la juventud , entre outros.
Pola súa parte, o libro dedicado á prosa dos autores da xeración Nós faise eco dalgunhas das páxinas e figuras que foron e seguen sendo referentes universais da literatura en galego: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Rafael Dieste, impulsores da modernización da prosa galega unha vez superada a escrita decimonónica.
O libro analiza as súas figuras e as súas obras desde a óptica da súa «mestura equilibrada de enxebrismo e cosmopolitismo».