A Universidade de Santiago medra no campo do libro electrónico

M. B. SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Los sindicatos aseguran que las negociaciones están rotas y mantienen la convocatoria de nuevos paros

16 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O servizo de publicacións da Universidade de Santiago (USC) ten previsto a inauguración dunha eBrary , librería de libros electrónicos, que estará aloxada na súa web, e na que os libros poderán descargarse por compra electrónica en formato PDF ou ePub , optimizados para a súa lectura tanto en monitores de ordenador como en dispositivos lectores de ciberlibros. Esta é unha das novidades editoriais que inclúe o servizo dentro do seu plan editorial para o verán e o outono. A idea do seu director, Juan Luís Blanco Valdés, era inaugurar esta librería electrónica, que se atopa en período de probas coa empresa de animación Culturas nas Redes, antes de que rematase o curso, pero a súa posta en funcionamento tivo que retrasarse ata o outono. Este novo espazo de librería electrónica, que posiblemente leve o nome de Espazo eBook, aloxará en principio seis títulos.

O servizo de publicacións da USC ten firmado tamén un acordo coa empresa Publidisa e a asociación de editores universitarios UNE para o aloxamento na súa plataforma de libros Todoebook. «Este acordo -explica o director do servizo- contempla só a edición do 2009 e 2010, pola que enviaremos entre 40 e 50 títulos que serán ofrecidos nesta plataforma, porque cremos que temos que estar abertos a todas as posibilidades para así teren máis impacto as publicacións da Universidade». Por outra parte, o servizo de publicacións firmará outro convenio de adhesión á plataforma MeuBook para a distribución do libro galego en formato electrónico, participando inicialmente con 40 ou 50 títulos.

O proxecto de entrada da USC no campo do libro electrónico, en opinión de Blanco Valdés, «está chamado a medrar de forma indefinida». A idea a un prazo medio é ter o seu propio fondo de libros electrónicos, podendo chegar a 800 títulos. O servizo tamén segue traballando co seu proxecto de Googlebooks, buscador no que se amosan do 15% ao 20% dos libros da USC. Así, do 13 ao 19 de xuño, as publicacións da USC tiveron 11.900 visitas, con 123.952 páxinas e 572 títulos consultados. Os libros máis visitados son: La esencia del cine, teoría de las estructuras , do ex profesor da USC Gonzalo Anaya; Patología médica veterinaria e Historia de la ciudad de Santiago de Compostela .