«Vidas cruzadas», de An Alfaya, gaña o Premio de Novela por Entregas

Toni Silva REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

Ao longo do mes de agosto publicaranse en La Voz os capítulos da obra, galardoada con 6.000 euros

21 jul 2010 . Actualizado a las 03:34 h.

Unha historia que se alimenta de varias tramas persoais, un matrimonio en crise, un accidente de tráfico que marca un punto de inflexión a varias vidas e, de fondo, un relato sobre a soidade e a incomunicación nos nosos días, un virus silencioso pero moi estendido. Son as raíces de Vidas cruzadas, escrita pola viguesa An Alfaya, quen resultou así gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz. Os capítulos do relato serán reproducidos nas páxinas deste xornal todos os días do mes de agosto.

Alfaya non é precisamente unha descoñecida no mundo das letras en Galicia. O ano pasado gañou o premio de novela curta Lueiro Rei con Area Quente, libro co que tamén foi recoñecida este ano polos alumnos galegos co premio San Clemente. Hai un lustro foi merecedora do Premio Lazarillo de literatura infantil co texto A ollada de Elsa.

O acto de entrega celebrouse onte á noite no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre e contou coa presenza de numerosas autoridades e representantes do mundo da cultura. O xurado, que elixiu a novela de Alfaya por unanimidade, estaba composto por Luís Ventoso, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Loureiro, Luís Pousa e Ramón Nicolás. Este recoñeceu que na primeira lectura do exemplar gañador «xa se notaba que non nos atopabamos diante dun exercicio primeirizo». Engadiu que a novela de An Alfaya «resolve moi ben o tránsito de capítulo a capítulo, deixando a tensión dun xeito moi explícito que sen dúbida cativará aos lectores». Por outra banda, a novela galardoada amóldase «extraordinariamente» ao formato por entregas.

O director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, foi o encargado de facer entrega do premio á gañadora. Vilela salientou que na noite de onte confluían varios motivos para celebrar. «Ademais de pola galardoada, hoxe [por onte] tamén estamos especialmente ledos porque este premio cumpre dez anos cos que se converte nunha das citas importantes da cultura galega», explicou o director de La Voz, que tamén destacou que o Premio da Novela por Entregas «reúne non só aos talentos e creadores, senón tamén a editores, xornalistas, xentes das artes... os responsables, en definitiva, de coidar a cultura galega».

Tamén por unanimidade, o xurado acordou salientar o vibrante estilo da novela finalista presentada a concurso baixo o lema Arume e co título Xogo de nenos.

Pola súa banda, a gañadora An Alfaya, logo de agradecer o premio a La Voz, esperou «recibir o beneplácito dos lectores». «Penso que é unha boa iniciativa combinar noticias con talante literario nas páxinas dos xornal», sinalou.