Manuel Bragado: «Queremos que a lectura sexa considerada un hábito saudable»

Pilar Vegas REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

Fomentar o espírito crítico é un dos piares que sosteñen o mandato do novo presidente dos editores galegos

20 jul 2010 . Actualizado a las 03:35 h.

Manuel Bragado (Vigo, 1959) leva vinte anos no sector editorial, aínda que é profesor de educación infantil. Acaba de ser nomeado presidente da Asociación Galega de Editores (AGE). Recibe os parabéns con ledicia, aínda que sabe que os dous anos que ten por diante o novo equipo -elixido por unanimidade- serán duros. Xa estivo na directiva, como secretario, hai anos, xunto a Fernán Vello, pero nesta ocasión dúas das palabras que marcarán o mandato serán lectura e crise .

-Crise económica, libro dixital, Internet... pois non parece que o momento actual vaia garantirlle unha presidencia tranquila...

-É un momento difícil, de tránsito, con moitos medos e incertezas. No noso sector, é de tránsito entre o modelo da comunicación impresa e o modelo dixital. De tránsito entre o modelo de editor e de catálogo, que foi o máis característico da edición en Galicia durante os últimos trinta anos, e unha edición onde o que se privilexia é a edición narrativa, onde parece que está o maior interese por parte do público. Isto provoca unha crise da comercialización e distribución do libro por medio da librería, que é ademais unha institución cultural que está nun momento complicado. E noso sector tampouco é alleo a crise económica. Temos, aínda por riba, as últimas medidas establecidas polo Goberno galego sobre a utilización da lingua galega no sistema educativo como lingua vehicular... o que tamén reduce noso mercado. Esas son as circunstancias que operan negativamente sobre nós. Pero os momentos de cambio son tamén de oportunidade, a de dar o salto definitivo ao paradigma dixital. É o momento de gañar un novo público para a literatura escrita en galego, que ten un potencial importante.

-¿Cales son as súas propostas para os editores?

-Basicamente somos continuístas dos proxectos iniciados pola anterior presidencia. O primeiro é a creación do clúster da edición, da librería e da empresa de todo o sector da edición do libro xa constituído, que é fundamental para a modernización das empresas. Tamén está o desenvolvemento dunha plataforma dixital que permita a distribución do contido, especialmente no ámbito educativo. Queremos contribuír á proxección da literatura galega nas feiras profesionais da edición, algo no que se dan pasos moi cativos, moi humildes. Tamén achegamos novidades propias de tipo máis gremial, como é dar a coñecer a historia da edición en galego, que é pouco coñecida. Os grandes editores de catálogo que houbo en Galicia antes da Guerra Civil, como Soto Freire, Fernández Latorre e Ánxel Casal, deberían ser figuras senlleiras da cultura galega, aínda por recoñecer.

-Di que queren consolidar a lectura na axenda política. ¿Que quere dicir iso?

-Os niveis de lectura nunha sociedade determinan os niveis de benestar. A lectura é un fenómeno transversal que representa esa competencia que todos os cidadáns teñen para entender o mundo contemporáneo. Non é só unha actividade asociada ao ocio. Temos que ser cada vez lectores máis competentes e no futuro lectores plurilingües. O tema da lectura nunca foi considerado un tema político no sentido de que sexa a sociedade a que se mobilice para mellorar esa competencia nos cidadáns. A sociedade ten asimilado que hai que promover condutas saudables na alimentación e noutros ámbitos da vida. Pois nós queremos que a lectura sexa considerada pola cidadanía como un hábito saudable no ámbito da sociedade.

-Nese sentido de crear lectores con espírito crítico, ¿que iniciativas e medidas concretas ten?

-Son moi importantes as que leva a cabo o ministro Ángel Gabilondo, é promover a lectura dentro da reforma educativa, do pacto educativo que se busca. Nesta sociedade de información, de diabetes informativa pola gran cantidade que recibimos, é necesario contar con lectores máis competentes, que saiban xerarquizar a información. Necesitamos un lector máis crítico, máis formado que nunca.