A autora viguesa recibiu esta semana o Premio San Clemente de literatura galega que elixe un xurado composto por rapaces de institutos de ensinanza secundaria
27 jun 2010 . Actualizado a las 03:37 h.A escritora viguesa An Alfaya foi galardoada co Premio San Clemente, na modalidade de literatura galega, pola súa novela Areaquente (Sotelo Blanco, 2009). Non é un premio máis. Ten a peculiaridade de que é outorgado polos alumnos de catro institutos de ensinanza secundaria de Galicia.
-¿Sabe mellor un premio outorgado por escolares?
-Todos os premios teñen o seu aquel. Neste caso, cando ti non te presentas, senón que son eles os que escollen os libros e son en principio lectores fundamentados, ten un matiz porque vai directo ao que eles apuntan.
-¿O matiz é maior se por detrás queda un «best seller» coma é «A praia dos afogados»?
-A min ese tipo de apreciacións non me gustan. Nun xurado soberano hai opinións distintas e argumentadas, imaxino, e a maioría decidiu que no caso do galego fose gañador o meu libro. Ademais non hai un enriba do best seller, hai dous porque por diante del quedou O cabo do mundo , de Xabier Quiroga. Cada un deles, literariamente, son igual de solventes que o meu. Eu lin os dous, un deles literariamente e bastante potente, que é O cabo do mundo , e o outro..., non quero entrar nese debate, pero en calquera caso tivo unha proxección mediática importante. Foron os rapaces os que decidiron que lles interesaba máis nese momento o meu, pero non me gusta o tema de quedar por enriba doutro. Nin por enriba nin por abaixo.