O congreso «As literaturas no Camiño» reúne a cerca de cincuenta autores de prestixio

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Está enmarcado no Encontro Internacional de Literaturas de Viaxes (LITVI)

22 jun 2010 . Actualizado a las 03:30 h.

O congreso As literaturas no Camiño, enmarcado no Encontro Internacional de Literaturas de Viaxes (LITVI), que desde o domingo ven celebrándose en Santiago, arrancou onte no Centro Social Caixanova cun acto presidido por Ignacio Santos, director xerente do Plan Xacobeo, a entidade organizadora, quen destacou o importante papel dos libros de viaxes na literatura. «Do Códice Calixtino á Mittleuropa de Vicente Risco ou Viaje a la Alcarria , de Camilo José Cela, os libros de viaxes teñen cumprido a imprescindible función de difundir a cultura ou de descubrir paraxes, paisaxes e patrimonio e tamén teñen ofrecido miles de horas de felicidade», subliñou Ignacio Santos.

Ana Trevisani, comisaria do Encontro Internacional de Literatura de Viaxes, apuntou que «este encontro monográfico non podía deixar de facer unha parte de estudo máis profunda, e isto é o que é este congreso sobre as literaturas do Camiño, que quere ser un punto de encontro». A conferencia inaugural do encontro, ao que asistirán ata o día 27 cerca de cincuenta autores de sona nas distintas vertentes da literatura de viaxes, correu a cargo do experto en historia medieval Fernando López Alsina e versou sobre O Códice Calixtino, primeira guía universal . Tras el, a sesión completouse co coloquio entre os escritores John Rutherford e Suso de Toro, sobre os seus respectivos libros As frechas de ouro e La flecha amarilla , presentados por Xulio Valcárcel.