«O texto quere falar da importancia de que alguén confíe en ti»

La Voz

CULTURA

13 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Pasar do teatro á prosa foi un dos exercicios que fixo Teresa González Costa para gañar o Merlín na súa vixésimo quinta edición.

-¿Tivo que estar previda para non escribir teatro?

-O que pasou é que despois de comezar a escribir me advertiu o meu compañeiro de que na prosa tamén se podía dialogar. Quizais para evitar funme un pouco cara ao outro lado, pero despois amañeino.

-¿Continuará na experiencia da prosa?

-Sempre me sentín moi cómoda no teatro, nos diálogos e nas réplicas. Pero o inicio desta historia tiña que ver con que eu non vía a maneira de teatralizala polo protagonismo da bici, así que penseina doutro xeito. Pero sempre escribín contos e téñoos contado por aí. Era máis novidoso para min que fose novela.

-¿«A filla do ladrón de bicicletas» é unha aventura con intriga?

-Ten algo das dúas cousas, aínda que máis é unha aventura. Porque se trata dunha rapaza que ten un soño e quere conseguilo e hai xente que llo impide. Ten un pouco de conto clásico, con eses personaxes antagónicos. Pero do que quere falar é da importancia de que haxa alguén que confíe en ti. Polo medio existe algunha intriga e tamén hai algunhas pinceladas da historia da bici. Sempre pensei que a bici é o primeiro xoguete grande que teñen os cativos e que che permite viaxar e está moi asociada a idea das aventuras dos rapaces.