O escritor cangués Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega

J. Santos CANGAS/LA VOZ.

CULTURA

13 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Real Academia Galega celebrou en Cangas a sesión plenaria de ingreso do escritor Bernardino Graña, unha incorporación acordada hai xusto un ano que se formalizou onte nun acto longo e protocolario no que o chamado «poeta do mar» leu o discurso Os contos populares e Rosalía .

Unha vez aberta a sesión polo presidente, Méndez Ferrín, a quen Graña coñeceu «en pantalón curto», segundo di, e lido o acordo polo secretario, Ferrín pediulle aos académicos Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana que foran buscar a Bernardino Graña, quen, seguindo o protocolo, agardaba fóra da sala.

Público en pé

Semiparalizadas a perna e o brazo dereitos por una trombose sufrida hai tres anos, o escritor cangués, nado en 1932, entrou entre aplausos, co público e os académicos en pé, e percorreu o corredor axudándose cun bastón, flanqueado polos que xa son os seus compañeiros, e subiu ao estrado. Intensificáronse entón os aplausos, que o poeta agradeceu coa man no corazón.