Alusións moi críticas ao decreto da Xunta e demanda dunha normativa única da lingua

La Voz

CULTURA

24 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Resultou imposible que o debate sobre o decreto de plurilingüismo aprobado pola Xunta non estivese onte na mente dos asistentes e nos discursos. Todos aqueles que tomaron a palabra coincidiron en consideralo un atentado contra o galego. Xosé Ramón Fandiño, patrono da fundación, foi o primeiro en facelo: «Sopran ventos violentos para o noso idioma, temos que seguir na loita contra un xenocidio lingüístico, porque se perdemos a lingua non continuaremos como pobo». Pola súa banda, Xusto Beramendi considerou o decreto a proba «dun absurdo e teimoso conflito».

Camilo Nogueira sinalou despois de agradecer o premio que o problema do galego é político, pero tamén invitou á Real Academia Galega a que como institución promova un acordo para unha normativa única da lingua.

Fermín Bouza falou como sociólogo para afirmar que «a caída do galego é a nosa caída, e isto está pasando de xeito vertixinoso». E, como galego, engadiu que «unha lingua pódesenos ir se non creamos as leis precisas», aínda que para rematar afirmou: «Venceremos nós».