A crítica de Cannes premia o filme de Laxe «Todos vós sodes capitáns»

Camilo Franco REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

O director entende que este recoñecemento «confirma que o cine ?é experimentación ?e risco»

24 may 2010 . Actualizado a las 16:43 h.

A película de Oliver Laxe Todos vós sodes capitáns recibiu no Festival de Cannes un respaldo definitivo ao ser premiada co premio da Federación Internacional da Crítica de Cine, Fipresci. Un premio que se pode considerar o segundo en importancia dentro da Quinzaine des Realizateurs, a máis independente do festival. Laxe sinalou pouco despois de recibir o premio que este era a «confirmación de que o cine é experimentación e risco».

A Quincena dos Realizadores é, despois da oficial, a sección máis coñecida do festival francés que hoxe remata. Nesa sección competía por primeira vez unha película galega, Todos vós sodes capitáns, que segundo o seu director, Oliver Laxe, «é un tipo de cine que quere ser outro cine». A historia duns rapaces de Tánxer que participan nunha rodaxe mereceu o premio da crítica representada en Cannes, un premio que para o director galego supón «un valor a maiores porque a crítica é máis rigorosa e máis apaixonada». Sinalou Laxe que «contar coa aprobación da crítica en Cannes confirma as miñas hipóteses sobre por onde debe ir o cinema».

Este premio para Todos vós sodes capitáns supón, segundo o seu director, que hai «outra mirada sobre a película porque ten un aval importante». Neste sentido tamén apuntou onte Laxe dende Cannes que o premio fora concedido «con unanimidade polo xurado de críticos». Un xurado formado por oito persoas de procedencia moi dispar das que, salientaba Laxe, «todas tiñan como primeira opción premiar a miña película».

Esta unanimidade supón tamén que a dimensión da película «foi ben entendida mesmo para xente que está moi lonxe de Tánxer e dos seus problemas». Engade o realizador que este premio respalda o xeito que eo escolleu «de facer cine, que non pretende tanto levantar emocións como facer que o espectador reflexione sobre a historia».

Oliver Laxe regresará a Galicia nos primeiros días do mes do vindeiro mes de xullo.