Méndez Ferrín evocou o «meteoro incendiario que atravesou a segunda metade do século»

La Voz

CULTURA

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, resumiu nun breve discurso o impacto de Uxío Novoneyra na cultura galega afirmando que «atravesou como un meteoro incendiario a segunda metade do século XX» e «deu luz aos seus contemporáneos». Ferrín resaltou tamén a presenza constante da natureza e das tradicións populares da serra do Courel no «texto múltiple e incesante» que é a súa obra literaria e a súa preocupación pola defensa «do que é propio e comunal». A este respecto, criticou a «predación economicista» que ao seu xuízo está padecendo actualmente o territorio que inspirou a obra de Novoneyra, dicindo que defender a conservación da riqueza natural do Courel é como «defender o planeta enteiro».

A serie de discursos académicos pronunciados no edificio multiusos de Seoane pechouse coa interpretación do himno galego a cargo da Banda de Gaitas do Courel. O programa de actos da xornada completouse un pouco máis tarde cunha cerimonia na que o colexio público de Seoane do Courel -desde hai algúns anos, o único existente no municipio- foi rebautizado co nome do autor de Os eidos. A alcaldesa do Courel, Dolores Castro, agradeceu a este respecto a celeridade coa que a Consellería de Educación tramitou o cambio de denominación do centro para que esta puidese facerse efectiva coincidindo coas celebracións do 17 de maio.