Unha fundación divulgará o legado e a memoria de Losada Diéguez

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

CULTURA

15 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En 1985, o Día das Letras Galegas estivo dedicado a Antón Losada Diéguez (Moldes, Boborás, 1884-Pontevedra, 1929) e daquela «perdemos a ocasión de facer o que hoxe estamos a presentar neste pazo de Moldes: a oportunidade de crear unha fundación para manter viva a memoria e o legado do mestre socrático que recrutou, cando exercía como catedrático de Filosofía no Instituto de Ourense, a mozos como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Arturo Noguerol e Ramón Otero Pedrayo para o galeguismo e que foi o autor e promotor da idea da revista Nós , proxecto ao que incorpora a Castelao cando se vai exercer a Pontevedra». Quen así se pronunciaba onte no pazo que viu nacer a Losada Diéguez era Xusto González Beramendi, o autor da antoloxía coas obras completas de Losada editada co gallo do 17 de maio dedicado ao pensador de Moldes e membro da fundación que leva o seu nome.

Recuperar documentación

A Fundación Antón Losada Diéguez foi presentada onte no pazo de Moldes, Boborás, nun acto no que participaron os integrantes da mesma, os representantes das institucións que convocan dende hai 25 anos os premios que levan o seu nome -Deputación de Ourense e concellos de Boborás e O Carballiño- e membros doutras fundacións e institucións como a Real Academia Galega, co seu presidente Xosé Luís Méndez Ferrín como máximo representante. A fundación botou a andar hai uns anos, aínda que non se presentou oficialmente ata onte, grazas ao compromiso de Mercedes Losada Espinosa, a filla de Losada Diéguez que legou o pazo da familia e todo o patrimonio e documentación existente no mesmo.

Na súa intervención de onte, Mercedes Losada, presidenta honorífica da fundación, dixo que a súa decisión «serve para plasmar o que nos pedía meu pai no seu testamento: que loitásemos por Galicia e que a tivésemos presente sempre».

Na presentación oficial da Fundación Losada Diéguez estaba previsto que participase o conselleiro de Cultura, aínda que a súa viaxe para apoiar a oferta do Xacobeo en EE.?UU. fixo imposible esta presenza. No seu nome, o director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Francisco López, lembrou a condición de Losada como representante do nacionalismo agrarista e o seu papel nas Irmandades da Fala, na Xeración Nós ou no Seminario de Estudos Galegos.

O director xeral salientou a calidade dos fondos documentais do legado de Losada e o compromiso da fundación por poñer este material a disposición dos investigadores e estudosos de Galicia. Ao tempo que anunciou a colaboración de Cultura coa institución nos seus proxectos, animou ás institucións a implicarse coa mesma e salientou o traballo que están a desenvolver na provincia de Ourense as fundacións vinculadas ás figuras da Xeración Nós.

O conselleiro, nos premios

Francisco López confirmou que o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presidirá o día 12 de xuño a entrega dos premios Losada Diéguez.