O Festival de Ortigueira cambia de liña para recuperar o apelido celta

A cita terá lugar entre os días 8 e 11 de xullo e a organización agarda superar os cen mil visitantes


O Festival de Ortigueira quere volver aos comezos e recuperar o adxectivo celta como liña da súa programación. Segundo os responsables do festival que figura como o máis visitado de Galicia, celtas son os grupos que figuran nunha programación pechada case ao 80%, celtas son «as nacións irmáns» de onde proceden os grupos invitados e como celta pode ser entendido o xiro cara ao folk-rock que protagonizará a primeira xornada.

Para conseguir os máis de 100.000 visitantes que o festival quere ter nesta edición e sobrepasar os da anterior, o cartel elixido comezará coa denominada Noite Folk Rock protagonizada por Krêposuk, Celtas Cortos e Oysterband. Os primeiros pasaron xa por Lorient, os segundos están de retorno cun disco no que fan versións de grupos como Waterboys ou The Pogues e tamén fan versións da terceira banda da noite: Osyterband que nos últimos tempos andan a repasar os seus trinta anos de carreira e a aplicar á música tradicional ritmos rock.

Na segunda xornada, menos rock e máis baile. Marful abrirá cartel antes da actuación da Banda de Gaitas de Ortigueira, que deixará paso ao concerto de Cristina Pato sobre o seu último disco, The Galician Connection, un concerto no que contará con convidados como Rosa Cedrón. A segunda noite pecharase cun tributo a The Bothy Band a cargo da banda Afterhours, que reúne a músicos procedentes de Capercaille ou Dervish. Finalizarán Qui hi ha, grupo catalán que pasou polo proxecto Runas do festival e que chega ata o folk psicodélico.

A noite do sábado terá como protagonista ao gaiteiro galego Anxo Lorenzo, que está presentando o seu disco Tirán. Logo, a banda norteamericana de raíces irlandesas que no seu día participase na banda sonora da película Titanic , Gaelic Storm, presentada como unha das atraccións desta edición do festival, deixará que na última madrugada de concertos deste certame se reencontren dous grupos coñecidos de pasos anteriores polo festival, os escoceses Shooglenifty, por terceira vez en Ortigueira, e Rare Folk dende Andalucía, tamén por terceira vez na cita.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

O Festival de Ortigueira cambia de liña para recuperar o apelido celta