Medios unificará os programas de exhibición audiovisual nun só

Camilo Franco

CULTURA

As páxinas web de carácter institucional será refundidas nun só portal dependente do novo consorcio

25 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos primeiros cometidos que asumirá o Consorcio Audiovisual de Galicia, que se formalizará mañá luns coa súa primeira reunión, será a de reunir nunha soa canle de exhibición as iniciativas esparexidas para a proxección das películas do audiovisual galego. En sentido paralelo a Secretaría Xeral de Medios prevé unificar nun só portal todas as páxinas web institucionais do audiovisual.

Segundo o responsable de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, as canles de exhibición institucionais para as producións audiovisuais galegas están repartidas entre varias institucións e funcionan de xeito independente, o que segundo o secretario «resta difusión e posibilidades de que sexan vistas e coñecidas».

Para cambiar esta situación, e segundo explicou Cabaleiro, un dos cometidos do novo consorcio será a posta en marcha dunha canle única de exhibición que asuma os distintos ámbitos nos que se estaban realizando iniciativas de exhibición e poida coordinalos. Continuou Cabaleiro dicindo que esta unificación podería ser realizada baixo a denominación Cinemas Dixitais, nome da rede de exhibición posta en marcha no seu día pola Axencia Galega do Audiovisual para ofrecer pases das producións audiovisuais galegas en espazos de carácter cultural e público e en poboacións que non contaban con cines.

Segundo Cabaleiro, baixo este nome podería coordinarse as distintas iniciativas de exhibición tal como viña facendo Cinemas Dixitais, ás que se sumarían os ciclos nas escolas, a programación de Audiovisual nas Aulas ou as actividade deseñadas para a promoción do audiovisual galego no exterior.

Alfonso Cabaleiro explica que deste xeito «non se producirán duplicados en canto á programación» e sinala que tamén hai a vontade de organizar a participación en todos os festivais galegos por este medio.

Co mesmo sentido, tamén asegurou o responsable de Medios que habería unha unificación nun só portal audiovisual de todas as páxinas web que na actualidade se ocupan de partes diferentes do sector. Segundo a Secretaría Xeral de Medios, neste portal estarán incluídas as webs do propio consorcio, a da axencia e tamén a do CGAI, e case unha decena de páxinas institucionais para o sector. Cabaleiro sinalou que páxinas como Flocos continuarán traballando incorporadas a este portal para que sexa «unha ferramenta fundamental na promoción e na difusión do sector».