O certame de Cannes estreará unha película do director Oliver Laxe

CULTURA

«Todos vós sodes capitáns» será a primeira longametraxe dun realizador galego no festival francés

21 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Festival de Cannes incluíu por primeira vez a un director galego dentro da súa Quinzaine des Réalisateurs, que é a segunda sección en importancia neste certame francés despois da sección oficial. Todos vós sodes capitáns é a longametraxe rodada por Oliver Laxe que será estreada no festival dentro de pouco máis dun mes. Por esta sección do encontro da cidade mediterránea pasaron autores como Werner Herzog, Fassbinder, George Lucas, Martin Scorsese, Ken Loach, Jim Jarmusch, Michael Haneke, Chantal Akerman, Spike Lee, Robert Bresson, Manoel de Oliveira, Costa ou Coppola, directores que, segundo Laxe, «configuraron o panorama cinematográfico dos últimos tempos».

Oliver Laxe coñeceu a noticia desta selección hai pouco menos de dúas semanas e nestes días traballa no seu lugar de residencia, Tánxer, ultimando a viaxe do equipo á cidade francesa, e tamén en Rabat realizando a corrección de cor da longametraxe.

Laxe será o único representante procedente de España en participar na edición deste ano neste festival cinematográfico. Segundo o realizador galego, que leva catro anos residindo en Tánxer, esta sección do festival «prima fundamentalmente un cinema comprometido co propio cinema, un cinema de mirada, que evidencie a presenza dun autor, a presenza dunha persoa que sente detrás da cámara».

Os responsables deste apartado de Cannes explicaron ao realizador que os motivos de selección da cinta eran «a linguaxe da película tan persoal, que estivese afastada de certos patróns que existen incluso no propio cinema de autor. Tamén destacaron o humor? parece que escasean os autores afirmativos hoxe en día». Laxe sinala que na súa historia «hai moito riso, pero hai sobre todo algo máis importante: o xogo».

Todos vós sodes capitáns é o resultado dun taller de cine que Laxe impartiu a cativos en situación de exclusión social na cidade de Tánxer e que foi medrando como proxecto.

A inclusión na programación de Cannes suporá, segundo o propio Laxe, a súa adquisición directa por parte dun distribuidor francés, o que implicará unha estrea en Francia. No caso de España, sinala Laxe que, «tal e como están as cousas, haberá como moito unha copia en Madrid e outra en Barcelona para facer esa estrea».