Santiago acollerá o Cartoon Masters e o encontro de mulleres cineastas

La Voz

CULTURA

A xuntanza do CIMA busca a creación dunha rede de creadoras audiovisuais de ámbito europeo

15 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dous encontros de carácter internacional desenvolveranse ao longo dos próximos trinta días en Compostela. O primeiro deles, o Cartoon Masters que concitará en Santiago a unha parte fundamental da industria da animación europea. O segundo será, a primeiros de maio, o encontro da CIMA, a Asociación de Mulleres Cineastas e dos Medios Audiovisuais.

Co apoio da Secretaría Xeral de Medios, nos dous encontros daranse cita unha parte fundamental dos profesionais de ambos ámbitos. O Cartoon Masters terá lugar en Santiago entre os días 20 e 22 de abril para analizar a converxencia entre o mundo da animación e as novidades da nova cultura dixital. Entre outros argumentos, no encontro debateranse algúns argumentos relativos ao mercado on line para os produtos animados e como desenvolven as empresas as súas estratexias para axeitar as producións a ese mercado, entendendo por mercado on line tamén aquel relacionado cos dos móbiles e os soportes derivados deses mesmos medios. Entre as empresas que participarán neste encontro están Disney XD, Google e, entre as galegas, Continental Games, Perro Verde ou Bluesens.

Mulleres cineastas

A outra xuntanza terá lugar en Santiago entre os días 5 e 7 do vindeiro mes de maio e ten como obxectivo crear un foro de debate que dea visibilidade ás mulleres creadoras do cine e da televisión europea. Forma parte tamén dos obxectivos deste segundo encontro do CIMA a organización dunha rede europea de mulleres do audiovisual e, finalmente, a redacción dun documento que, baixo o nome de Carta de Compostela, será a un tempo manifesto e documento fundacional para a rede de mulleres europeas do cine e a televisión.

O acto terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea e, entre outras invitadas, participarán Josefina Molina, que é a presidenta de honra da asociación, directoras como Chus Gutiérrez, Patricia Ferreira, Icíar Bollaín ou Isabel Coixet. Tamén está prevista a participación de actrices como Assumpta Serna ou Anna Galiena.

O anterior encontro de mulleres do cine celebrouse no 2008, pero naquela ocasión o ámbito de debate era iberoamericano. Segundo sinalan as organizadoras deste evento será a primeira ocasión en que se celebre un encontro entre mulleres profesionais do sector audiovisual europeas. Isto, segundo apuntan, é un dos obxectivos da Unión Europea que promove o debate a escala continental en todos os sectores. Neste sentido, a comisión organizadora sinala a necesidade de crear un espazo común de creación e industria dende a perspectiva europea no que as mulleres deben ter papel fundamental.