A UNED dedica na súa sede de Lalín un curso á obra de Xosé Neira Vilas

La Voz

CULTURA

13 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tres días de curso para un amplísimo repaso da obra de Xosé Neira Vilas é a oferta do curso da UNED no seu centro de Lalín entre os días 26 e 28 de abril. Un amplo programa que terá, ademais, como invitado especial ao propio escritor, que onte participou na presentación do mesmo en Santiago de Compostela.

Baixo o título Xosé Neira Vilas. Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe, o curso abordará non só a obra do autor senón tamén aspectos da sociedade que se retrataba na mesma. Tomando como punto de partida as Memorias dun neno labrego , o curso da universidade a distancia explicará os cambios no mundo rural, os demográficos, os relixiosos e os contextos da emigración galega a América.

Entre os poñentes deste simposio figuran os académicos Xosé Luís Axeitos e Xesús Alonso Montero, a profesora Dolores Vilavedra, o escritor David Otero, o teólogo Victorino Prieto e o antropólogo Marcial Gondar. Tamén participarán como poñentes Francisco Durán, María Seijas Montero, Pilar González Yanci, Luis Fernández Riós, ou Román Rodríguez.

O curso ten un recoñecemento de dous créditos de libre configuración e ademais das sesións inclúe unha visita á Fundación Neira Vilas cunha explicación sobre o labor que desenvolve.

Neira Vilas participará ao longo do curso nas diversas actividades que se realicen no mesmo e será o encargado da súa inauguración o vindeiro día 26.