«Non é tanto a historia que contas como a maneira de contala»

Camilo Franco

CULTURA

Licenciado no INEF, García Campos gañou esta fin de semana o premio de novela Blanco Amor co seu primeiro texto longo, «O imposible de desatar»

12 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O imposible de desatar é a primeira novela de Iván García Campos. Novela primeiriza e gañadora do premio Blanco Amor que, entre outras cousas, recoñeceu o «carácter innovador no tocante ao estilo e ás técnicas narrativas». Esta é a primeira novela, pero non é o primeiro galardón para García Campos, gañador de premios de relatos como o Fole.

-¿É a súa primeira novela, pero non o seu primeiro premio?

-Esta é a miña primeira novela. Foi a primeira vez que me botei a escribir unha historia longa e non me podo queixar. Que che dean un premio no primeiro intento era algo que non tiña previsto. Ata agora tiña gañado premios de relatos e tiña escrito relatos e ía reunindo textos para facer un libro.

-¿Por que se decidiu a cambiar de extensión?

-Cando comezas a escribir unha historia, moitas veces defines a extensión a priori. Pero neste caso fun escribindo máis e fun facendo moitos apuntamentos, así que tirei para ver que ía saíndo.

-¿Que diferenza notou entre escribir concentrado e escribir ampliado?

-Ese paralelismo das carreiras de fondo é bo para explicar isto. Hai moitas diferenzas no método de traballo porque en primeiro lugar escribir todos os días fóra das obrigas do traballo implica algún sacrificio. Hai quen di que hai que escribir, cando menos, todos os días unha frase e eu, ata agora, era máis do Monterroso que aseguraba que había que borrar cada día unha frase. Na longa distancia hai que porfiar, manter a tensión dun día para outro e que non se noten eses saltos. Iso pode chegar a ser un pouco estréante. Pero a min gústame moito escribir. Divírteme moito o feito de escribir, sentado na casa, só. Como o paso ben, non teño un concepto de traballo, nin de sacrificio.

-O xurado do Blanco Amor salientou que a súa novela apártase do convencional.

-Isto é como cando contas Pulp Fiction. Non é tanto a historia que contas como a maneira de contala. Esta é unha historia que pode acontecer hoxe, pode ser a historia dunha familia, pero na novela está contada de maneira que as voces contradín as accións. Hai unha parte dos personaxes, as súa relacións e os seus silencios e, outra segunda, máis dinámica. Eu salientaría tamén a utilización dos silencios entre os personaxes e na historia. Quizais de entrada non se entenda, pero teñen unha importancia grande porque supoñen outro tipo de comunicación.