Sondeseu rende homenaxe aos construtores de embarcacións tradicionais no seu disco «Barlovento»

CULTURA

10 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A nave da orquestra Sondeseu emprende no seu terceiro traballo, titulado Barlovento , unha navegación a favor da tradición oral, que evoluciona na musical actual e na sociedade urbana coa desaparición do mundo rural. « Barlovento é unha homenaxe a todas as manifestacións que tiveron un desenvolvemento importante nunha sociedade doutro tempo, e que hoxe en día, eses elementos culturais volver ser retomados; homenaxeamos aos construtores dos barcos tradicionais que volven sucar as rías galegas, agora xa con outras connotacións, pero sobre todo para non esquecer un patrimonio cultural moi importante en Galicia», explica Rodrigo Romaní, director da formación nacida dentro da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (e-Trad).

Sondeseu é a única orquestra de folk existente en Galicia, e está formada por corenta alumnos da e-Trad. Neste disco, as composicións pertencen a Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xaquín Xesteira, aínda que tamén incorporan unha canción de Rosa Cedrón. «Rosa Cedrón aparece con unha canción súa, Romance de Mirabella , á que lle fixemos un tratamento orquestral, e ela aparece como invitada especial, cantando», engade Rodrigo Romaní. A lista de colaboracións complétase coa presenza de Javier Feijoo, Xosé Liz, Xaquín Xesteira e o propio Rodrigo Romaní. O disco foi gravado no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, «co obxecto de captar o ambiente e a enerxía únicas que caracterizan os concertos de Sondeseu».

Tradición e modernidade

Rodrigo Romaní explica que Sondeseu «quere ser fiel á liña de tomar melodías tradicionais, incorporando a composición moderna como parte do tratamento pero non como elemento en si mesmo». De feito, todas as composición son pequenas suites de dous ou tres temas tradicionais encadeados, nas que están presentes sete instrumentos diferentes e un coro de dez voces femininas.

Rodrigo Romaní opina que a formación ten o futuro garantido. «Dende o punto de vista estrutural, Sondeseu vaise consolidar, ademais como líder dun proxecto europeo, e, desde o punto de vista musical, aínda estamos empezando a ver o que pode dar de si, porque é algo novo que acabamos de inventar e aínda non coñecemos todos os rexistros que ten este instrumento», conclúe o director desta formación que ten a súa xustificación no directo.