A editorial 2.0 presenta os seus tres primeiros títulos en papel e prepara o formato dixital

La Voz

CULTURA

20 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tres títulos en papel son os primeiros produtos literarios de 2.0 editorial, unha plataforma de publicación que, ademais de editora convencional, pretende abranguer máis campos. Fundamentalmente e segundo Antón Lado, o seu responsable, o da edición dixital.

Na tarde de onte presentáronse en Santiago os tres primeiros títulos -Guía do autostopista galáctico, de Douglas Adams; Sen novas de Gurb, de Eduardo Mendoza, e Un idioma preciso, de Xusto Rodríguez Río- títulos que logo terán un cuarto compañeiro en O home que era xoves, de Chesterton.

Pero aínda que a presentación sexa de libros en papel, dende o seu mesmo nome a vocación desta editora é o formato dixital. Segundo Lado, a editora quere ser unha «plataforma de edición que publique en multiformato, de maneira que o lector escolla un texto para calquera soporte que teña».

Outra das opcións que ofrecerá a plataforma, que estará en funcionamento a primeiros de abril, será a autoedición para os autores. Neste sentido, segundo Lado, non será unha autoedición aberta, senón que a editora «revisará os orixinais e só se publicarán aqueles que teñan interese».