Galaxia reúne nun volume as cartas a Neira Vilas de 40 persoeiros da cultura galega ao longo de 39 anos

Concha Pino

CULTURA

10 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra é a editora do volume de correspondencia recibida por Xosé Neira Vilas entre os anos 1959 ao 1998. Cartas de vellos amigos , publicado pola editorial Galaxia na colección Memoria, reúne unha escolma de 302 cartas escritas por Otero Pedrayo, Sebastián Martínez Risco, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Rafael Dieste, Luís Seoane, Carlos Velo, Carballo Calero e García-Sabell entre outros e ata un total de 40 correspondentes.

O escritor e membro numerario da Real Academia Galega explicou antes da presentación da obra na Libraría Couceiro de Santiago que se trata só de cartas dos amigos que xa faleceron. «Porque teño moitas de amigos que tamén me escribiron naqueles anos, pero que están vivos, como Díaz Pardo, Ferrín ou Fernández del Riego. Sigo escribindo e recibindo cartas, pero xa non é o mesmo, porque con Internet as comunicacións son distintas», dixo. Neira Vilas asegura que o feito de reler este fato de cartas «tróuxome moitos recordos, sobre todo de situacións puntuais das que me daban conta no período anterior á morte de Franco, porque falan de multas, condenas de cárcere, censuras e de medos. Pero as dos primeiros anos da democracia tamén, pola información que me daban da creación de institucións, asociacións... Son a memoria dun lado e outro do Atlántico, dunha etapa da nosa historia que non está exenta de críticas sobre as posturas doutros, de polémicas e desencontros, mesmo dos anos posteriores ao 75. Por iso penso que son historia viva, e co encanto engadido que teñen as cartas, do que se escribe sen pensar que vai ser publicado, das cousas contadas a calzón caído».

O receptor das misivas coida que era unha obra necesaria polo que representa «de resumo da vida galega e española», «e felicítome pola ocorrencia de publicar as cartas e polo importante e intenso traballo que levou a cabo Dolores Vilavedra ao longo de dous anos», aclara. Comenta que se respectou a escrita de cada persoa, «e hai un percorrido polo galego de Caracas ou de Nova York cando non era normativo».