Sete damas da canción galega estrean hoxe «Sereas»

CULTURA

07 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Arredor dun piano sete damas da canción galega ensaian o espectáculo Sereas . Poderá verse hoxe, ás sete da tarde nun lugar con nome de muller: o Teatro Rosalía de Castro, da Coruña. A poucos metros deste ensaio, outra muller, Ana Belén, daba vida sobre o escenario do Colón a clásica Fedra . Foi unha curiosa asociación de ideas, de lonxe, desde o fondo do Rosalía, a escena das sete damas tiña un elemento que lembraba a canción de Ana Belén El hombre del piano : «Toca otra vez, viejo perdedor, haces que me sienta bien». O pianista Paulo Borges, nacido nas illas Azores, acompañaba ás mulleres, as principais voces musicais galegas que apostan por un colectivo que tantas veces foi o perdedor.

A actuación de Uxía, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Ugía Pedreira, Gaudi Galego, Silvia Penide, e Sonia Lebedynski será na véspera da celebración, mañá, do Día da Muller Traballadora «e estaremos celebrando tamén ese día, lembrando que queda moito camiño por andar, que reivindicar no papel das mulleres, aínda que se conseguiron cousas».

«Ella siempre temió echar raíces que pudieran sus alas cortar y en la jaula metida, la vida se le iba y quiso sus fuerzas probar». Música con raíces é o nome do ciclo do que forma parte Sereas e está organizado polo Concello da Coruña e patrocinado por Caixanova.

Uxía eloxiaba o traballo do pianista, «é laborioso, pero el ten moita paciencia» e lembra aquela outra iniciativa «que está durmida pero a calquera hora esperta» chamada O son delas que tamén xuntou a nun espectáculo ás principais mulleres da música galega. De tódolos xeitos, apunta Uxía que a desta tarde é «unha ocasión única» para ver xuntas a estas sete damas da canción galega «porque non é doado xuntarnos a todas». Para Uxía, «hoxe en día a canción galega non se podería entender sen nomes de muller».

A presentación do espectáculo estará a cargo doutra muller, Yolanda Castaño: «Non farei unha presentación ao común, será algo poético no que tratarei de incluír todo», apuntaba a poeta que «fai a presentación e xa non volve a intervir», asegura Lino Braxe, produtor da montaxe xunto con Rómulo Sanjurjo; os dous seguían con atención nas butacas do Rosalía os ensaios dun espectáculo que ten como subtítulo 7 sereas, 7 ondas, 7 mares .

Braxe revela un segredo: «Cada unha cantará tres temas do seu repertorio e populares, pero o terceiro será sempre cantado coa seguinte en actuar». Deste xeito moveranse as ondas da música destas sete sereas, todo moi preto do mar.