O ciclo «Raíces» levará aos músicos do folk galego ás vilas e cidades

M. B.

CULTURA

O programa, que recolle actuacións todos os sábados, inclúe un recital especial de Sondeseu en Madrid

24 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A presenza da música galega farase notar a partir do 6 de marzo na programación do Xacobeo 2010 coa posta en marcha do ciclo Raíces , un proxecto do selo discográfico Boa Music que contempla 12 concertos en cidades e vilas galegas e un recital especial en Madrid. Un total de 25 artistas e agrupacións galegas participarán durante tres meses neste ciclo que ofrecerá un concerto cada sábado ata o 6 de xuño.

O xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, destacou onte na presentación do ciclo que este se enmarca «nunha aposta decidida polo son con identidade galega, na que se darán cita profesionais que son auténticos referentes na música folk de Galicia». O proxecto, segundo Ignacio Santos, une «creatividade, orixinalidade e a calidade que caracteriza a música que ten un selo galego». En palabras do responsable do Xacobeo, Raíces agrupa «un conxunto de propostas únicas que destacan polo seu alto nivel». A proposta agrupa aos 25 artistas máis destacados da música de raíz galega. Así o salientou Fernando Luaces, de Boa Music, para quen todos estes músicos «teñen un nivel de formación moi elevado» e «representan o que está pasando».

A programación comezará o 6 de marzo no Teatro Colón da Coruña cun concerto de Fuxan os Ventos. Aos pioneiros da música galega seguiranlles Mercedes Peón e Emilio Rúa (18 de marzo, en Vigo), Marful e Bonovo (27 de marzo, en Pontevedra), o trío Baamonde, Lamas e Romero máis Malvela (3 de abril, en Ourense), Cristina Pato e Mutenrohi (10 de abril, en Ferrol), María do Ceo e o grupo Brath (17 de abril, en Vilalba), e Susana Seivane e Quenpallou (24 de abril, en Lugo). A programación de maio empezará o día 1 co recital especial en Madrid de Sondeseu Orquestra Folk, ao que seguirán as actuacións de Berrogüetto, Lizgairo, Espido, Xabier Díaz e Talabarte (8 de maio, en Lugo), Faltriqueira e Treixadura (15 de maio, en Vilagarcía), Uxía e Leilía (22 de maio, en Rianxo), Rosa Cedrón e Fía na Roca (28 de maio, en Valga) para, finalmente, pechar o ciclo Raíces o grupo coruñés Luar na Lubre (o 6 de xuño, en Santiago).