Edicións Xerais comeza a publicar en galego a Steiner

La Voz

CULTURA

22 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Que George Steiner dubidase algún día do valor da cultura galega serviu para levantar en Galicia unha onda de declaracións e unha chea de invitacións de que o escritor coñecese antes de falar.

Na altura da polémica xa se adiantaron voces dicindo que sería favorable traducir algunhas das obras de Steiner ao galego e arredor dun ano despois do balbordo sobre as declaracións do escritor aparece a primeira das obras que Xerais editará do longo catálogo de títulos deste crítico e ensaísta.

O primeiro dos volumes aparecerá na primeira quincena do mes próximo. Baixo o título de George Steiner en The New Yorker, e con tradución de Lara Domínguez, Patricia Buján Otero e Saleta Fernández Fernández, este libro recolle unha serie de colaboracións do escritor para a publicación neoiorquina.

Segundo Xerais, «Entre os anos 1967 e 1997, George Steiner escribiu máis de cento cincuenta artigos para o semanario The New Yorker sobre unha grande variedade de cuestións, conseguindo achegar, non só a intelectuais con formación literaria, senón ao que se adoita chamar o público xeral, libros novos e vellos, ideas complexas e temas inusuais. De entre todos eles, Steiner reuniu neste volume medio cento deles, que abordan boa parte dos principais problemas do ameazado futuro da cultura contemporánea».

Para a editorial galega, o conxunto de textos que ofrece este libro son «artigos sorprendentes pola súa sinxeleza vivida e pola súa poderosa capacidade pedagóxica. Ensaios literarios caracterizados polo rigor e a sabedoría, mais tamén atravesados pola ironía e o humor, ferramentas coas que Steiner analiza as obras de autores como Walter Benjamin, Lévi-Strauss, Cioran, Canetti, Beckett, Borges, Bertrand Russel, Brecht, Celine, Kafka ou Chomsky».

O segundo libro deste escritor con fama de lúcido e polémico é un dos títulos máis citados e máis considerados entre a súa produción. Trátase de Despois de Babel, un libro sobre a comunicación e a linguaxe polo que desfilan autores como Austen, Shakespeare ou Noel Coward e do que a editorial galega anuncia a súa publicación para finais do 2011.